A Radio Galega retransmite o día de Reis os partidos Elxe-Celta e Leganés-Lugo

0
33

Santiago, 05.01.2023.-    O ‘Galicia en Goles‘ pechou o mércores a xornada galega na Copa do Rei de fútbol e este venres retoma a Liga cunha edición especial desde as 18.00 h ata a medianoite. Xoán Galán conduce as retransmisións dos partidos dos equipos galegos que compiten nas categorías profesionais. Primeiro xogará o Celta, no Martínez Valero, ante o pechacancelas da Primeira División, o Elxe. Os dous veñen de quedar eliminados nos dezaseisavos de final e no campionato regular teñen un obxectivo común, obter a permanencia. Logo chegará en Butarque o encontro da Segunda División entre o Leganés e o Lugo, co equipo galego principiando o 2023 en postos de descenso.

O sábado, desde as 15.00 h, a atención estará posta en dous partidos da Primeira RFEF: Celta B-Racing de Ferrol e Pontevedra-Badaxoz. No baloncesto, é día de derbi galego na ACB, coa cita no Pazo entre o Breogán e o Obradoiro. O encontro terá unha cobertura especial, pero aqueles oíntes que prefiran ter íntegra a retransmisión poderán facelo a través de radiogalega.gal e g24.gal/deportes. Ademais, os espectadores que sigan o enfrontamento a través da televisión Movistar terán na canle de audio a narración da Radio Galega.

Xa o domingo, a edición matinal comeza ás 12.00 h co fútbol de Segunda RFEF: Lugo B-Torrelavega e Ourense C. F.-Valladolid Promesas. O fútbol xuvenil estará presente co derbi da Copa en Abegondo, entre o Deportivo e o Celta. Pola tarde, desde as 15.00 h, o Deportivo-Unionistas será o principal argumento, coa estrea de Lucas Pérez, en Riazor. Tamén destaca o derbi Coruxo-Bergantiños, da Segunda RFEF, e o calendario da Terceira RFEF. A partir das 23.00 h, tras a xornada, os especialistas de ‘Ao Contraataque‘ pasarán consulta para analizar os resultados dos nosos equipos.

Na fin de semana, o proxecto #GaliciaEnXogo principia o novo ano coa emisión ás 13.00 h do sábado do programa dedicado ao Toén F. S. e C. D. Moreiras, no que Alfonso Pardo descubrirá a relación de Benito Villamarín con este concello. Na última hora, de 23.00 a 24.00 h, Rodrigo Pérez e Toni López poñerán en valor as seccións dedicadas ao motor e á actualidade dos galegos que preparan os próximos Xogos Olímpicos de París 2024.

Fuente Crtvg.es