A Radio Galega retransmite, o martes e o mércores, os encontros dos equipos galegos de fútbol profesional

0
4

Santiago, 06.07.2020.-  Últimas dúas semanas de competición na Liga de Fútbol Profesional e catro xornadas por diante na Radio Galega. O martes, desde as 21.00 horas, Toni López conduce a retransmisión do partido da Primeira División entre o Celta de Vigo e o Atlético de Madrid, que se vai disputar no estadio municipal de Balaídos. A emisión prolongarase ata as 01.00 h para escoitar, despois dos 90 minutos, aos adestradores Óscar García e Cholo Simeone. A cita é, se cadra, a máis complicada que lle queda ao equipo vigués ata o remate da temporada e, de sumar os tres puntos, tería practicamente garantida a permanencia.

O mércores, a partir das 19.00 h ata as 23.59 h, ‘Galicia en Goles’ contará a xornada de Segunda División para os equipos galegos. O Deportivo visita La Rosaleda no mellor momento do curso ante un rival, o Málaga, que ten o mesmo obxectivo, o de sumar a vitoria para selar a continuidade na categoría. Mentres, o Lugo visita o Toralín, onde agarda a Ponferradina, que, tras os últimos resultados, necesita polo menos unha vitoria para evitar problemas. No caso do conxunto galego, a situación é crítica; nas últimas catro xornadas necesita sumar cando menos oito puntos.

As emisións de ‘Galicia en Goles’ chegan á audiencia a través da FM, TDT, a web da Radio Galega, aplicacións como Radioplayer España e os altofalantes Alexa. No caso do Celta-Atlético, a audiencia pode seguir o partido pola tele con dereitos escoitando a retransmisión a través da canle de audio reservada para a Radio Galega.

Fuente Crtvg.es