A Rapa das Bestas inspira ‘Trote’, o filme de ‘CLAC’ desta noite, que expresa unha loita entre o salvaxe e a razón

0
8

Santiago, 09.07.2021.-  O programa de cinema ‘Clac’ (22.55 h) afonda esta noite na G2 nos instintos e nos roles de xénero que aborda a película galega ‘Trote’, primeiro e único filme de ficción, polo de agora, do xovense Xacio Baño, un dos directores galegos máis prometedores. Tras unha serie de premiadas curtas, na súa primeira incursión na longametraxe, pola que obtivo 5 Premios Mestre Mateo, conduce ao espectador pola celebración da Rapa das Bestas para expresar a loita entre o salvaxe e a razón.

En ‘Trote’, Carme, a protagonista, é unha muller solitaria que vive nunha aldea xunto ao seu pai, co que apenas se comunica, e a súa nai enferma. Traballa nunha panadería e, ao igual que os cabalos que aparecen no filme, atópase atrapada e precisa fuxir dese ambiente opresivo.

No coloquio, previo á emisión da película na G2, a presentadora e directora do programa, a xornalista Tania Fernández Lombao, conversará no estudio co director Xacio Baño, co coguionista Diego Ameixeiras, e co colaborador e experto en cinema dos medios públicos, Eduardo Galán.

Os dous convidados desta edición de ‘Clac’ centran o seu relato en explicar como os coidados da familia dirixen a vida dunha muller que se sinte illada e soa. A Rapa das Bestas, en plena celebración na fin de semana do verán de 2017 que ilustra o filme, é a metáfora para tratar a loita entre o instinto e a razón. Xacio e Diego, coguionistas de ‘Trote’, falaron de como escribiron o guión a catro mans e das emocións que querían trasladar sobre a protagonista e o resto dos membros da familia.

Ao carón da actriz protagonista, María Vázquez, encabeza o elenco de ‘Trote’, Celso Bugallo, Diego Anido, Tamara Canosa, Melania Cruz e Federico Pérez.

Ademais do coloquio e a proxección da película, o espazo incluirá unha sección con información da actualidade cinematográfica e da carteleira.      

Fuente Crtvg.es