A Semana Santa máis deportiva, na Radio Galega

0
37

Santiago, 31.03.2021.-    A Radio Galega ofrece esta Semana Santa unha ampla programación deportiva, que comezará o xoves ás 15.00 h, cando Toni López conducirá unha nova edición de ‘Zona Mixta’. Desde as 19.00 h, Paco Santos dirixe un especial ‘Galicia en Goles’ coas retransmisións dos partidos Ensino-Valencia, dos cuartos de final da liga feminina de baloncesto, e o As Palmas-Lugo, da Segunda División de fútbol.

O venres, a audiencia terá toda a información ás 15.00 h na ‘Zona Mixta’ e, ás 21.00 h, Xoán Galán abrirá un faladoiro especial ata as 00.00 h para debater cos especialistas a xornada da fin de semana.

O sábado, ‘Galicia en Goles’ comeza antes, ás 14.15 h, e prolongará a súa emisión ata as 23.00 h con fútbol, baloncesto e balonmán como principais argumentos. Na Segunda B comeza a fase de ascenso a Segunda co Celta-Valladolid Promesas e tamén principia a liguiña por acadar praza na Primeira RFEF co Compostela-Numancia. Mentres, no baloncesto, o Obradoiro visita un rival directo pola permanencia: o Fuenlabrada.

Xa o domingo, o equipo deportivo da Radio Galega volverá ofrecer un programa de once horas, desde as 12.00 ata as 23.00 h. De saída, o Coruxo-Spórting B pola permanencia na Segunda RFEF e logo o encontro da xornada, o Alavés-Celta, da Primeira. Pola tarde ofrecerase o Lugo-Málaga, de Segunda; máis Segunda B co Deportivo-Marino, Rácing de Ferrol-Langreo e Pontevedra-Covadonga, ademais da Terceira.

Na fin de semana non faltarán á cita cos oíntes outros espazos de temática deportiva. Así, o sábado, ás 13.00 h, ‘Convivir Deportivo’ estará dedicado á Sociedade Deportiva Nogueira de Ramuín. Ás 23.00 h, Rodrigo Pérez actualizará a información do motor en ‘Gas a Fondo’ e, ás 23.30 h, Toni López continuará co ciclo de entrevistas aos deportistas galegos que teñen proxección para os Xogos Olímpicos en ‘Galicia en Toquio’. O domingo, ás 23.00 h, a mesa de debate de ‘Ao Contraataque’ analizará os encontros do Celta, do Lugo e dos equipos galegos da Segunda B.

Fuente Crtvg.es