A serie da TVG ‘Motel Valkirias’, premio europeo CIRCOM 2023 á mellor ficción de televisión

0
29

Santiago, 27.04.2023.-    Os premios europeos CIRCOM, da asociación das televisións rexionais públicas europeas, deron a coñecer este xoves os seus galardóns anuais e, no apartado de entretemento e ficción, a elixida foi a serie da Televisión de Galicia ‘Motel Valkirias’. Esta coprodución da TVG e a RTP, que se emite os luns pola noite na Galega, acada así o décimo premio internacional para a TVG, todos eles logrados desde 2012.

Os Premios CIRCOM Regional foron creados hai máis de 30 anos para galardoar os mellores programas de televisión producidos e emitidos por canles rexionais públicas de toda Europa. A entidade reúne preto de 250 canles de televisión públicas rexionais de 30 países europeos. Este ano os premios serán entregados o 1 de xuño nunha gala que terá lugar en San Sebastián, no marco da 39ª Conferencia Anual de CIRCOM que se celebrará na cidade vasca, organizada por EiTB.

O premio a ‘Motel Valkirias’ súmase a outros galardóns acadados nos Prix CIRCOM pola TVG. O último, o ano pasado, cando a xornalista Noelia Rey, unha das presentadoras do programa ‘Malicia Noticias’, recibiu o galardón ao Novo Talento en Pantalla 2022. Anteriormente, este mesmo galardón recaera na xornalista Alba Mancebo e a serie ‘Matalobos’ lograra o premio á mellor ficción de televisión. A serie ‘3 camiños’, o documental ‘Máis ca vida’, o programa ‘No bico un cantar’ e unha reportaxe do espazo ‘Deporte Extra’ foran tamén distinguidos con respectivas mencións especiais en pasadas edicións dos Prix CIRCOM.

‘Motel Valkirias’ é unha coprodución entre CTV e SPi, de España e Portugal, e conta co apoio da Agadic, Xunta de Galicia, PIC Portugal, Turismo de Portugal e a colaboración da Deputación de Ourense e a Cámara Municipal de Montalegre. A serie é un wéstern fronteirizo protagonizado por María Mera, Marina Mota, Maria João Bastos e o gañador dun Goya Chechu Salgado.

Fuente Crtvg.es