A serie documental ‘Os Castros’ achégase hoxe ao máis visible da cultura castrexa: a súa arquitectura

0
39

Santiago, 04.11.2020.-   A Televisión de Galicia emite esta noite a segunda entrega da serie documental ‘Os Castros’, que ofrece unha visión global, actualizada e divulgativa do que significou a cultura castrexa en Galicia. Dirixida por Xosé Manuel Vega e presentada por Alba Mancebo, pretende dar a coñecer e poñer en valor a riqueza do noso patrimonio castrexo, bastante descoñecido polos galegos. A entender todo isto axudarán expertos, profesores universitarios e arqueólogos especialistas na prehistoria galega e cunha experiencia contrastada no mundo castrexo.

Nesta ocasión, o programa achegarase, desde o castro de Baroña, un dos máis emblemáticos de Galicia, ao máis visible da cultura castrexa: a súa arquitectura, a resposta que aquela sociedade lle deu á necesidade de facer habitable o territorio cos coñecementos e tecnoloxías dispoñibles naquel momento. Así, os espectadores coñecerán os factores de localización dun castro, o seu proceso de construción, como era a casa castrexa, como se organizaban os espazos comúns e cales son as principais diferenzas entre os distintos castros.

Ademais, a presentadora lanzará distintas preguntas que irán tendo resposta ao longo do programa: por que están os castros emprazados en outeiros? De quen os defendían as súas murallas? Por que a maioría das construcións eran redondeadas? Que lóxica seguían para distribuír as casas dentro do castro? Existe algunha relación entre a casa castrexa e a palloza?

Fuente Crtvg.es