A Televisión de Galicia adianta ‘A lei de Santos’ en Enserie.gal

0
69

Santiago de Compostela, 24.09.2021.- Desde esta semana, a Televisión de Galicia adianta aos sábados en Enserie.gal a estrea dos novos capítulos de ‘A lei de Santos’, serie que se emite na primeira canle de televisión os domingos no prime time. Deste xeito, a Galega abre de novo outras vías para achegarse ás necesidades dos novos consumos audiovisuais que aprecian a liberdade de elixir os contidos á carta, como xa fixera cos últimos capítulos de ‘Método criminal’.

As novas canles e as análises de hábitos de consumo fan que a CRTVG evolúa cara as tendencias da cidadanía en canto a difusión dos seus produtos. Estas tendencias veñen refrendadas por datos como que nos últimos tres anos o consumo de ficción en plataformas no televisor en Galicia aumentou un 183 %.

Cada novo capítulo da serie estará dispoñible en Enserie.gal, o servizo en liña de series da Televisión de Galicia, ás 15.00 horas dos sábados, adiántandose un día á sua emisión en TDT. ‘A lei de Santos’, producida por Voz Audiovisual para TVG, é a serie secuela de ‘Serramoura’.

Enserie.gal e OTT no 2022

Enserie.gal, o portal das series da Televisión de Galicia, é o ‘Netflix galego’. Naceu para darlle unha maior visibilidade á ficción galega e facilitar o consumo baixo demanda, e ofrece actualmente 45 títulos de series producidas pola CRTVG, á disposición dos espectadores en calquera momento. Desde ‘Mareas vivas’, ‘Pratos combinados’ e ‘Matalobos’ ata os éxitos máis actuais como ‘Auga Seca’, ‘Serramoura’, ‘A estiba’, ‘Vidago Palace’ e ‘Método criminal’, o portal permite visualizar centos de episodios das series con máis repercusión na historia da TVG. Esta canle en liña será substituída en 2022 pola propia OTT da CRTVG, onde se poderá gozar de todos os contidos á carta en diferentes soportes.

Fuente Crtvg.es