A Televisión de Galicia estrea este luns, no ciclo ‘Realmente G’, a película ‘Código Emperador’

0
83

Santiago, 06.11.2023.-    O ciclo cinematográfico ‘Realmente G’, en que se poden ver cada semana películas galegas que conectan a ficción coa realidade, trae hoxe unha estrea absoluta en televisión para os espectadores da TVG: a longametraxe ‘Código Emperador’ (22:45 h), ambicioso thriller cunha forte carga emocional.

Baixo a dirección do recoñecido realizador Jorge Coira e co actor Luís Tosar como protagonista, ‘Código Emperador’, película producida por Vaca Films, reflicte a cara máis oculta do poder en España. Ambientada nas altas esferas do poder e na espionaxe, está escrita co inconfundible estilo dun dos máis importantes guionistas do cine español: Jorge Guerricaechevarría (‘Cela 211’). Esta nova película de suspense participada pola TVG bebe da realidade para somerxer os espectadores nos recunchos dun sistema en que as aparencias son enganosas, a mentira está á orde do día e a chantaxe é a mellor moeda de cambio.

O protagonista, que traballa para os servizos secretos, establece unha relación complexa coa asistenta filipina que vive na casa dunha parella implicada no tráfico de armas. Ao mesmo tempo, realiza outros traballos ‘non oficiais’ para protexer os intereses das elites máis poderosas do país, atraídas agora por destapar os trapos sucios dun político.

Ao carón de Luís Tosar, cómpre salientar un elenco formado polos galegos Denís Gómez e Santi Prego e por Alexandra Masangkay, Georgina Amorós, Miguel Rellán, Laura Domínguez, María Botto e Arón Piper, entre outros. ‘Código Emperador’ foi rodada en localizacións da Coruña, Bilbao, Madrid, Budapest e Cidade de Panamá.

Fuente Crtvg.es