A Televisión de Galicia ofrece este sábado en directo a gala dos XX Premios Mestre Mateo

0
22

Santiago, 19.03.2022.-    Nunha gran despregadura técnica e humana, a TVG ofrece este sábado en directo a XX Gala dos Premios Mestre Mateo (22.00 h), o grande evento do audiovisual galego. Os galardóns recoñecerán os profesionais e os mellores traballos do ano en cada unha das 24 categorías destacadas nesta ocasión, nunha gala organizada pola Academia Galega do Audiovisual e a Televisión de Galicia desde Expocoruña.

Os espectadores poderán seguir a gala a través da TVG, da Radio Galega e da web crtvg.gal. Antes, entre as 20.00 e as 21.00 h, nunha edición especial do programa ‘Sabadeando’, asistirán á chegada dos artistas e autoridades e ao seu paso pola alfombra vermella. Ademais, a CRTVG fará un seguimento do photocall e da entrega de premios en todas as súas redes sociais.

Este ano, os Mestre Mateo celebran o seu 20 aniversario e lembrarán os mellores momentos destes anos, en que a canle pública galega retransmitiu todas as edicións. O evento, que mobilizará medio cento de traballadores dos medios públicos, estrea novo formato e combinará o espectáculo televisivo coa festa. Arredor dun milleiro de convidados daranse cita -seguindo un estrito protocolo de prevención- nunha gala moi participativa que se vai desenvolver no espazo do público, co escenario reservado para a entrega de premios. Na súa presentación iranse alternando algúns dos condutores e protagonistas destas dúas décadas de historia, como Antonio Durán ‘Morris’, Iolanda Muíños, Javier Veiga, Mela Casal, Monti Castiñeiras e Isabel Blanco, entre outros, así como as actuacións das Sisters in the House, un coro de música moderna integrado exclusivamente por mulleres.

71 candidaturas da TVG
    
A Televisión de Galicia acode aos Mestre Mateo cun total de 71 candidaturas en 20 categorías, entre as que destacan os espazos ‘Dígocho Eu’, ‘Clac’ e ‘Cos Pés na Terra’, que optan ao galardón a mellor programa de televisión. Ademais, Esther Estévez, alma máter do exitoso espazo de fomento da lingua ‘Dígocho Eu’; Paco Lodeiro, presentador do popular concurso ‘Atrápame se podes’, e Rodrigo Vázquez, un dos condutores do programa ‘Quen Anda Aí?’, dispútanse o premio a mellor comunicador/a. No apartado de series, compiten as ficcións da TVG ‘A Lei de Santos’, ‘Auga Seca’ e ‘Método Criminal’.

A película ‘Cuñados’, participada pola TVG, é a produción que opta a máis premios, un total de 16, seguida con 11 por ‘Jacinto’ e ‘Malencolía’, tamén apoiadas pola canle pública galega. Todas elas son candidatas a mellor longametraxe, xunto a ‘Tres’, outro dos filmes financiados pola Televisión de Galicia, que conta con 6 candidaturas, o mesmo número que ‘Eles transportan a morte’. Na categoría de mellor documental, están nomeadas as producións da TVG ‘A poeta analfabeta’, ‘A virxe roxa’, ‘O Gran Camiño’ e ‘Welcome to ma maison’.

Entre as producións finalistas da TVG están tamén as películas ‘Que hicimos mal?’, que opta ao Mestre Mateo á mellor dirección de fotografía, e ‘Olvido e León’, cuxa protagonista, Marta Larralde, é candidata a mellor actriz, e os programas ‘Malicia Noticias’ e ‘Land Rober Tunai Show’, que competirán polo premio á mellor realización.

Fuente Crtvg.es