A Televisión de Galicia presenta hoxe en Santiago a serie ‘O faro. O reencontro’

0
85

Santiago, 10.04.2023.-  A Televisión de Galicia celebra hoxe no Auditorio Abanca de Santiago a presentación da serie de ficción ‘O faro. O reencontro’. Os asistentes ao acto, que arrancará ás  19:00 h, poderán ver en exclusiva un adianto da produción de CRTVG e Demareira TV, que os medios públicos estrean esta noite no ‘prime time’. 

‘O faro. O reencontro’ retoma a historia dos Peña e dos Muñoz, que, hai anos conseguiu cativar durante 510 episodios unha ampla franxa da poboación galega e doutras comunidades autónomas.  

Misterio, intriga, amor e humor son os ingredientes que compoñen este reencontro e que farán que os espectadores de Televisión de Galicia vivan semana a semana as emocións máis intensas. ‘O Faro. O reencontro’ está formada por dez episodios de 50 minutos. A serie, que volverá emocionar e conmover a partes iguais, ofrecerá novas tramas con orixe no pasado e cun punto do xénero thriller.
Nesta nova etapa do serial, que esa mesma noite de luns se estreará na TVG, ademais de contar con Raquel Espada e Fernando Tato nos seus papeis protagonistas de Lucía e Ricardo, os espectadores tamén volverán ver a Belén Constenla, María Mera, Susana Sampedro e Adrián Castiñeiras, entre outros. Tamén se unirán ao elenco novos personaxes, que van ter moito que dicir nesta nova tempada. Todos eles, ademais doutros membros do equipo e outras caras coñecidas da Galega asistirán ao acto de preestrea.

A TVG ofrecerá hoxe as dúas primeiras entregas a partir das 21:55 h.

Fuente Crtvg.es