A Terra Chá e a Terra de Lemos enfróntanse hoxe na final da provincia de Lugo de ‘Come a comarca. As batallas’

0
3

Santiago, 17.02.2021.-  A final da provincia de Lugo da maior competición gastronómica da Televisión de Galicia dispútase esta noite en ‘Come A Comarca. As Batallas’ (23.25 h). A Terra Chá, que xa lle gañou á Mariña, e a Terra de Lemos, vencedores fronte a Chantada, teñen en xogo pasar de fase. Ou o que é o mesmo, intentar ser despois os mellores do norte de Galicia fronte á comarca que se impoña no duelo da provincia da Coruña.   

Antes de ver as cociñas botar fume, Fran Cañotas, presentador do espazo, meterase de cheo na cultura culinaria dos dous territorios. Así, no caso da Terra Chá, o gandeiro da Pastoriza Antonio López amosará as bondades do seu rabaño de reses de Ternera Gallega. Na Terra de Lemos, en Deade (Pantón), visitará A Casa Da Fonte, unha explotación que comercializa derivados lácteos antepoñendo sempre o benestar animal e o pastoreo en liberdade.    

Despois chegará o momento máis agardado. Os xefes de salgados e doces do programa, Gerson Iglesias e Manuel Garea, proporán o menú que terán que elaborar a contra o reloxo os dous equipos para conquistar o padal dun xurado composto por 15 expertos gastronómicos. Sopas de allo será o primeiro prato. O segundo estará composto por abadexo confeitado con salsa de alcachofas e berberechos. E a parte doce fiarase a un arroz con leite en dúas texturas, bica branca e amorodos. Ademais, haberá sorpresas, retos e visitas nas cociñas que farán aínda máis emocionante o resultado final.

Os chairegos estarán capitaneados nos fogóns por José Luis Álvarez ‘Bouso’, do restaurante O Castro da Pastoriza. Canda el, Diego López, de Anda e Bulló Xantar, en Lugo, e o axudante de cociña Daniel Díaz. José Vázquez, da carnicería Frebas, en Lugo, e o reposteiro Ovidio Pardiño, da Pastelería Ben, en Vilalba, completan a formación.

Aos de Lemos lidéraos Manuel Fernández, do restaurante Manuel Bistró. Manuel Rodríguez, da Tapería Brancellao, e Brais Gómez, do Trespés, acompañarano neste desafío, en que tamén participan o reposteiro Manuel Moure e a axudante de cociña María del Carmen González.

Fuente Crtvg.es