A TVG achegaralles aos espectadores galegos o Festival da Canção, co que Portugal elixirá o seu representante en Eurovisión

0
8

Santiago, 24.02.2022.-    Despois de entregarse por completo coas Tanxugueiras no seu intento de representar a España no Festival de Eurovisión, a CRTVG achegaralles aos espectadores galegos o Festival da Canção, co que a RTP, a televisión pública portuguesa, escollerá o tema que o país veciño levará a Turín o vindeiro mes de maio.

A Televisión de Galicia ofrecerá en streaming, a través da plataforma Twitch, as dúas semifinais do certame, que se celebrarán o 5 e o 7 de marzo. A gran final, que terá lugar o día 12, ademais de en liña, tamén se poderá ver en directo pola G2. As tres emisións serán comentadas por Esther Estévez e Rodrigo Paganelli, protagonistas do #ApuntamentoLusófono do #DígochoEu, a conversa semanal que ambos os dous manteñen no Twitch, en que ela trata de aprender portugués e el, galego.

Estas retransmisións, acollidas con grande expectación pola comunidade eurofán, serán posibles grazas á colaboración que desde fai anos existe entre a TVG e a RTP. Esta colaboración queda reflectida na coprodución de programas, de series de ficción e tamén no intercambio de contidos, aos que se suma agora o Festival da Canção, o histórico concurso anual organizado desde 1964 pola televisión pública portuguesa co obxectivo de escoller a canción que representa cada ano a Portugal no Festival de Eurovisión. Este ano, 20 artistas competirán por coroarse e conseguir o billete para Turín, onde os vindeiros 10, 12 e 14 de maio se celebrará o 66º certame europeo da canción.

Fuente Crtvg.es