A TVG é a canle autonómica máis vista de 2022 e líder en Galicia

0
32

Santiago, 01.12.2022.-    Os datos da terceira e última onda do Estudo Xeral de Medios (EXM) deste ano permiten completar o panorama dun 2022 de grandes resultados para a Corporación RTVG.

A Televisión de Galicia consolídase como a canle máis vista de 2022 na nosa comunidade cun 20,9% de cota de pantalla, superando en case cinco puntos o seguinte competidor, a canle privada A3 (16,1%).

Fóra das nosas fronteiras, esta onda do EXM, que pecha o balance do ano natural (de febreiro a novembro), deixa tamén a TVG como a canle autonómica máis vista de 2022, superando en case 4 puntos a seguinte canle (TV3, 17,1%).  

Neste 2022 a TVG pecha a semana con catro dos sete días con algarismos por riba do 20% de audiencia: 22,3% os luns; 21,5% os martes; 22,7% os xoves e 21,5% os venres, o que reflicte unha extraordinaria fidelidade da cidadanía ao conxunto da grella de programación, todos os días e a todas horas. De feito, por franxas, a TVG lidera as mañás cun 15,8%. Na franxa do mediodía a TVG segue a ser o gran dominador. Os informativos ‘Galicia Noticias’, con Eduardo Herrero, e o ‘Telexornal Mediodía’, con Marta Darriba, seguen a liderar con solvencia os seus tramos e case duplican a segunda opción, cun 33,3% para a TVG e 16,8% para A3. No prime time, a franxa de máis consumo e a máis competida do día, Televisión de Galicia segue a ser a canle máis vista polos galegos cun 18,2% de media, superando en tres puntos o seguinte competidor.

Os datos de prime time reflicten o agrado da cidadanía polo traballo realizado polo sector audiovisual galego, xa que a TVG compite nesa franxa con programas, series ou cine elaborado en Galicia. Así, o 96% do que emite a primeira canle da TVG está feito en Galicia e por galegos, algarismos que non acada ningunha outra canle a nivel estatal en referencia á produción no seu territorio.

168.000 oíntes diarios para a Radio Galega no 2022

A Radio Galega segue a ser a emisora pública máis escoitada de Galicia neste 2022, e métese de novo no podio das radio xeralistas galegas. O grupo de emisoras da Radio Galega acadou os 168.000 oíntes diarios neste ano 2022.

Esta última onda do EXM deixa o liderado en tramos horarios da aposta informativa das mañás no ‘Galicia por Diante’ de Silvia Pereira e Kiko Novoa; no programa decano da radio deportiva galega, o ‘Galicia en Goles’ de Xoán Galán, nas fins de semana, xunto co ‘Galicia por Diante Fin de Semana’, aos mandos de Victoria Rodríguez. Precisamente as audiencias dos domingos nesta terceira onda do EXM son as mellores dos útimos cinco anos. E, por suposto, o liderado indiscutible das madrugadas co ‘Pensando en ti’ de Marcial Mouzo.

Ademais, o novo formato e horario de ‘A Tarde’, de 15.00 a 19.00 h, trouxo consigo unha suba tamén de audiencia nesa faixa. E ‘Ao Contraataque’ consolídase na noite con 26.000 oíntes.

Estes datos do ano 2022 refrendan a confianza da sociedade galega nos seus medios públicos de comunicación en dúas das principais forma de achegamento á cidadanía como son a radio e a televisión.

Fuente Crtvg.es