A TVG e a RG acompañan os galegos en Nadal cunha programación única e próxima, chea de especiais e o mellor entretemento

0
31

Santiago, 18.12.2020.-  Este Nadal na CRTVG “quedamos contigo”. Este é slogan da campaña de Nadal, e non só é un lema, xa que toda a programación da Galega achégase aínda máis a todas as persoas. Nestas datas en que se prevén restricións en todos os ámbitos e Galicia segue a loitar contra a covid-19, a Galega seguirá a ser un referente para o tempo de lecer, cunha programación única e próxima que encha de bos momentos os fogares galegos. Os medios públicos manterán a súa programación diaria en directo, con toda a información e propostas variadas de entretemento para todos os públicos.

Unha das transmisións máis agardadas e que supón a estrea dos contidos de Nadal, é a cobertura desde Madrid o día 22 do ‘Sorteo da Lotaría de Nadal’. Esa mesma noite, a programación especial levará por lema ‘O amor pode con todo’. O ‘Land Rober Tunai Show’, un clásico xa nos fogares galegos en Noiteboa, volverá acompañar a audiencia nesta noite. Roberto Vilar non descansará ao día seguinte e capitaneará un ‘Quen anda aí?’ de Nadal. Xoanqui Ameixeiras, á fronte do ‘Estache bo’, salta ao ‘prime time’ para elaborar menús para estas festas en dous programas especiais, ao igual que o ‘Que casas!’, que amosará como viven e decoran os galegos os seus fogares neste Nadal tan inusual.

Outra das emisións máis especiais producirase, precisamente, con ‘Luar’, quen na noite do 25 de Nadal realizará, en coprodución coa TPA, o programa de irmandamento ‘Benvidos-Bienllegaos’ coa televisión de Asturias.

A produción propia da TVG porase tamén en valor coa emisión dos ‘Eventos G’, que organiza para todos os galegos a mellor verbena coas orquestras máis importantes do país, amais doutros especiais cos sons da orquestra Os Satélites e de ofrecer unha homenaxe ao curioso concurso Miss Vaca.

Cine e visita dos Reis Magos á CRTVG

Este ano, a Televisión de Galicia organizará os grandes eventos que, por causa da covid-19, non van ter lugar nas rúas, como é o caso da cabalgata das badaladas de fin de ano ou da cabalgata dos Reis Magos. As badaladas emitiranse desde O Obradoiro, presentadas pola atleta Ana Peleteiro e por Xosé R. Gayoso, aínda que adaptadas ás circunstancias deste ano. Durante a gala, coa música e o humor como protagonistas, descubrirase nunha divertida parodia quen é o culpable do que pasou en 2020. Nesta festa do 31 na TVG, cómpre salientar o regreso de Xosé Antonio Touriñán para celebrar a chegada de 2021. Na tarde do 5 de xaneiro, as súas maxestades de Oriente visitarán un dos estudios da canle pública para que ningún neno se quede sen a ilusión de velos en directo. Esa xornada, por primeira vez, ‘Luar’ cambiará de día para celebrar con música a chegada dos magos de Oriente.

A maxia destas datas para os máis pequenos estará tamén acompañada na G2 da emisión dunha serie moi especial de oito longametraxes coas súas personaxes e heroes favoritas, como Astérix, Batman, Shin Chan ou Paddington. Nestas tardes de cinema, entre outras estreas, poderase ver en primicia en televisión a produción galega ‘A casa da luz’, especialmente recomendada para a infancia pola Unesco e Unicef.

Cultura e tradición na TVG e a Radio Galega

Os contidos divulgativos e culturais serán outra das fortes apostas da CRTVG. Baixo o título ‘Descubrindo a catedral’ coñeceranse, en exclusiva, os segredos e tesouros que saíron á luz durante as obras de restauración e dos que a Galega foi testemuña. A emisión deste especial producirase un día antes de que abra de novo as súas portas. Como é costume, o 31 de decembro transmitiranse os actos de Translación do Apóstolo e a apertura da Porta Santa.

Nas tres próximas semanas chegará, amais, a estrea de ‘Sen código postal’, programa na tarde dos sábados co carteiro máis famoso da televisión galega, Anselmo, interpretado por Luís Zahera. Tamén comeza unha nova temporada de ‘Come a comarca. As batallas’ e se emitirá un especial de ‘A liga das familias extraordinarias’. Neste Nadal distinto, o mellor entretemento estará na TVG.

Datas especiais na Radio Galega

Estas serán tamén unhas semanas especiais na Radio Galega, que festexarán unhas datas tan sinaladas. Deste xeito, en Noiteboa, Moncho Lemos realizará un ‘Especial Bo Nadal!‘ desde o serán e, na ‘Noite de Nadal’, Xosé M. Piñeiro acompañará os galegos ata a madrugada. Os especiais en fin de ano comezarán co ‘Especial San Silvestre’, continuarán co humor de Carlos Tresandí nunha nova edición do ‘Como que non?’ e daranlle a benvida ao novo ano en ‘Feliz ano!’, con María Xosé Rodríguez. Manuel Vicente comezará o 2021 cun especial ‘Efervesciencia’, do mesmo xeito que Moncho Lemos ofrecerá este 1 de xaneiro un ‘Fondos Reservados’ cunha selección musical moi axeitada. En Reis Magos, no ‘Galicia por diante’, Cristina García porase á fronte do programa co Sorteo da Lotaría do Neno. E tamén os oíntes máis noctámbulos estarán de parabéns, xa que o programa ‘Pensando en ti’ ofrecerá programación en directo todas as madrugadas, incluídas, Noiteboa, Nadal, Noitevella e Aninovo.

                                               #Coidémonos    #QuedamosContigo

Fuente Crtvg.es