A TVG emite este luns ‘Sempre Xonxa’, un dos títulos míticos da historia do cinema galego

0
35

Santiago, 03.04.2023.-    A Televisión de Galicia comeza a Semana Santa ofrecendo esta noite de luns a película ‘Sempre Xonxa’, primeira longametraxe rodada integramente en Galicia e totalmente en galego, e convertida co paso do tempo nunha icona do noso audiovisual.

Humor e realismo máxico mestúranse nun dos títulos míticos da historia recente do cine galego, a terceira das tres históricas longametraxes -incluídas ‘Urxa’ e ‘Continental’- estreadas no marco de Cinegalicia, en novembro de 1989. A súa rodaxe supuxo un momento fundamental daqueles primeiros pasos da nosa cinematografía e colocou a primeira pedra na construción do cinema galego e da súa identidade.

Con Uxía Blanco como protagonista, ‘Sempre Xonxa’ conta a historia dunha muller, Xonxa, e dous homes, Pancho e Birutas, e as relacións entre os tres, nunha remota aldea galega, desde a súa infancia, en 1947, ata a súa madurez, en 1986. O filme de Chano Piñeiro é tamén a historia da emigración en dúas das súas vertentes (éxito e miseria), da complexidade das relacións humanas, das lendas e da realidade e dunha aldea que morre perdida nos montes de Galicia, temas que seguen a estar moi vixentes hoxe en día.

Así pois, a TVG proponlles hoxe aos seus espectadores volver vivir a historia que emocionou milleiros de galegos hai máis de 30 anos e que ademais descubriu para o cinema a aldea de Santoalla, onde se produciron os feitos reais que inspiraron a película ‘As Bestas’.

Fuente Crtvg.es