O programa ‘Segredos – Desmontando Galicia’ dedicado á Coruña recolle o Premio Cronista Emilio Quesada

0
19

Santiago, 24.01.2020.-    O programa ‘Segredos – Desmontando Galicia’ dedicado á Coruña, producido por MBC Audiovisuales para a TVG e dirixido por Marcos Barrios, recibiu este venres o Premio Cronista Emilio Quesada, convocado pola Asociación da Prensa da Coruña (APC), que recolleu o director de Contidos da Televisión de Galicia e produtor delgado do programa, Fernando R. Ojea.

Este certame, que celebra este ano a súa primeira edición, ten como obxectivo resaltar os valores históricos ou actuais da cidade da Coruña, das súas institucións ou dos seus habitantes. Recibe o seu nome debido a que a dotación de 1.000 euros que leva prodúcese grazas á doazón de Emilio Quesada Zato, o xornalista máis veterano da Asociación da Prensa, que formou parte dun xurado que considerou que esta peza, emitida pola canle autonómica galega o pasado mes de outubro e dispoñible na súa web, representa á perfección os valores que o certame pretende transmitir e potenciar.

O premio, que foi entregado polo propio Emilio Quesada no transcurso da celebración anual do patrón dos xornalistas, data icónica para a Asociación da Prensa da Coruña, será doado á Casa Museo Emilia Pardo Bazán para que faga o primeiro libro de artigos da escritora publicados en prensa, segundo manifestou Ojea.   

Estreado o pasado mes de outubro, o espazo ‘Segredos – Desmontando Galicia’, presentado por Diana Nogueira, Alicia Burton e Quique Morales, trata de descubrir os segredos das grandes infraestruturas e do patrimonio natural, urbanístico e cultural galego desde o punto de vista do entretemento. Con esta proposta innovadora, que prepara xa a súa segunda temporada, a Televisión de Galicia pretende axudar a entender os xeitos de vida da nosa terra e a súa evolución sen límites espaciais e temporais grazas ás integracións 3D.

Na foto superior, Emilio Quesada (á esquerda) entrégalle o premio a Fernando R. Ojea (á dereita)

Fuente Crtvg.es