A TVG entrega este luns o maior premio da súa historia, máis de 100.000 euros, no concurso ‘Atrápame se podes’

0
35

Santiago, 11.09.2023.-    A Televisión de Galicia entrega este luns o maior premio da súa historia no concurso ‘Atrápame se podes’. Os espectadores verán hoxe o momento máis agardado das últimas temporadas, cando un dos participantes suba os famosos cinco chanzos e responda correctamente todas as preguntas que lle formule o presentador, Paco Lodeiro. En concreto, vanse entregar 101.400 euros. Concursarán polo bote nesta espectacular entrega do programa Mar, de Xermade; Iván, da Coruña; Maite, de Cervo; Rodolfo Xoán, de Xunqueira de Ambía, e Sara, de Cambre.

Esta será a segunda ocasión en que ‘Atrápame se podes’ entregue o seu gran premio. Hai dous anos, en setembro de 2021, Ramiro Vidal, de Oleiros, empoleirouse no alto das icónicas escaleiras do estudio de gravación, metendo no peto 12.200 euros. Dous anos despois, o bote medrou substancialmente.

Desde a súa estrea en San Xoán de 2021, o espazo das noites da TVG leva repartida unha cantidade de cartos que excede os 200.000 euros, a máis de 600 participantes, tanto a través dos botes coma dos premios diarios de 200 euros, que levan aqueles concursantes que completan a escaleira antes que o rival, aínda fallando algunha das cinco preguntas finais.  

O programa da TVG liderou este verán as noites televisivas en Galicia. En xullo e agosto foi o programa máis visto da canle pública os días de emisión e tamén liderou o prime time fronte á competencia. Cada noite de verán, de sábado a mércores, máis de 100.000 persoas de media, un 15% de share, gozaron coas preguntas de Paco Lodeiro e as repostas dos concursantes, coas que puideron aprender, sorprenderse, rir e mesmo bailar.

Fuente Crtvg.es