A TVG entrega este martes os II Premios Dígocho Eu

0
29

Santiago, 15.05.2023.-    O DígochoEu da CRTVG celebra este martes na Cidade da Cultura de Santiago a súa gran festa de fin de curso. Nela coñeceranse os gañadores dos II Premios DígochoEu entre os finalistas deste concurso de vídeos en galego, que recibiu máis dun cento de propostas de centros escolares de toda Galicia.

Máis de 700 nenos e nenas de 20 centros escolares asistirán á entrega dos premios, que nesta segunda edición se ampliaron a tres galardóns para educación primaria e tres para secundaria. Tamén se farán públicos os premios de Unha Canción para Esther e dous Premios Especiais do Xurado. A gala poderá seguirse en directo (17:00 h) polo YouTube de TVG e por crtvg.gal, e emitirase na TVG o día 17 ás 12:00 horas.

Conducida polos xornalistas Esther Estévez e Carlos Amado, nela haberá humor, moita participación dos escolares e tamén música, xa que subirán o escenario os cinco finalistas do concurso Unha Canción para Esther. Ademais, interpretaranse algúns dos temas de ‘Digochiño’, a mascota do programa, que estreará a súa propia canción, creada polos grupos infantís galegos Xeración M e As Xeitosas.

A CRTVG conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e de Gadis nesta iniciativa. Nesta ocasión, o xurado está composto por Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; a actriz María Foscaldo, máis coñecida pola súa personaxe ‘Virtudes’, e a xornalista e presentadora da TVG Loly Gómez.

Os II Premios DígochoEu inclúen seis premios en dúas categorías: en educación primaria, un primeiro premio de 500 euros, un segundo de 300 euros e un terceiro de 200 euros. E en educación secundaria, un primeiro premio de 500 euros, un segundo de 300 euros e un terceiro de 200 euros.

Ademais, e ante a gran cantidade de propostas recibidas o ano pasado, os Premios do Xurado, aos que concorren vídeos gravados polos propios centros escolares, premiarán dúas propostas, unha para primaria e outra de secundaria.

DígochoEu, máis de 120 millóns de reproducións nas redes sociais, 90 deles en TikTok
    
DígochoEu é un proxecto da CRTVG para achegar o galego dunha forma dinámica e entretida a todo o mundo e, sobre todo, aos máis novos. Emite, desde xaneiro de 2020, un capítulo diario para a mellora do galego desde a televisión e as redes sociais da canle pública. Pode seguirse na web crtvg.gal, en g24.gal, no Telexornal da TVG, así como nas contas de Instagram (@digochoeu.tvg), Twitter (@DigochoEuTVG), Facebook (facebook.com/digochoeu.tvg), YouTube (youtube.com/tvg) e TikTok (tiktok.com/@digochoeu). Os vídeos co cancelo #DígochoEu superan os 120 millóns de reproducións nas redes sociais, 90 deles só en TikTok. E en Twitch, é a conta galegofalante nesta plataforma con máis seguidores.  

Neste 2022 naceu a mascota Digochiño, que conta con estudio e web propia (digochiño.gal) e que se converteu nun fenómeno viral nas redes sociais, con vídeos que acumulan máis de dous millóns de reproducións en TikTok e centos de miles en Instagram.

Recoñecementos

Os recoñecementos a DígochoEu non deixan de chegar: en 2022 acadou o premio Mestre Mateo ao mellor programa de televisión e Esther Estévez, a súa presentadora, foi recoñecida como mellor comunicadora de televisión, galardón que repetiu neste 2023. O espazo gañara días antes tamén o Premio Deleite á Promoción da Lingua no marco do mesmo certame. E anteriormente recibira, entre outros, o Premio Paraugas de Comunicación e Márketing, na categoría de Mellor Execución de Idea; o Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, na categoría de Mellor Comunicación e Impacto, e o Premio da Cultura Galega 2021, galardón co que a Xunta de Galicia recoñece a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia.

Fuente Crtvg.es