A TVG estrea esta noite ‘Gañar ou fregar’, programa culinario en que cada semana competirán dous concursantes afeccionados

0
32

Os participantes de cada entrega (23.10 h) cociñarán para unha familia, que catará os pratos e actuará de xurado, decidindo quen consegue o premio e a quen lle toca facerse cargo da louza

A TVG estrea esta noite 'Gañar ou fregar', programa culinario en que cada semana competirán dous concursantes afeccionados

Santiago, 11.01.2023.-    A Televisión de Galicia estrea hoxe o programa ‘Gañar ou fregar’, un novo espazo culinario en que dous concursantes afeccionados competirán nas noites dos mércores para ver quen prepara a mellor receita. En cada entrega do programa cociñarán para unha familia, que catará os pratos e actuará de xurado. O gañador farase co premio do espazo e ao perdedor tocaralle fregar a louza.

Para elaborar un menú á altura das circunstancias, os dous concursantes de cada programa contarán coa axuda de María Dapía e Perico Balado, os presentadores do programa, que se encargarán de apadriñar a cadanseu participante e de botarlle unha man na cociña.

Nesta primeira entrega, as cociñas de ‘Gañar ou fregar’ desprázanse ata o concello de Pontedeume, na provincia da Coruña. Competirán dúas viguesas, Rosa e Lupe, para sorprender a familia Vázquez Paz. Os anfitrións ofrecerán o seu xardín ás cociñeiras, probarán os seus pratos e emitirán o veredicto, que determinará quen gaña e quen frega.

Fuente Crtvg.es