A TVG estrea esta noite ‘O derradeiro show’, serie protagonizada polo humorista Marianico el Corto

0
21

Santiago, 08.11.2021.-   Noite de ficción na Televisión de Galicia que, tras o lanzamento este luns da segunda temporada de ‘Auga seca’, estrea tamén ‘O derradeiro show’ (00.10 horas), primeira serie producida pola televisión autonómica aragonesa, que se centra nun dos personaxes televisivos máis famosos da España dos 90, o popular Marianico el Corto, humorista que parodiaba o home de campo aragonés.

Creada polo aragonés Álex Rodrigo, autor dalgunhas das series de éxito españolas como ‘La casa de papel’ e ‘Vis a vis’, propón agora esta emocionante ficción de oito capítulos, que pon en valor o home que hai tras o personaxe de Marianico. Unha serie que mestura elementos da biografía do cómico cunha trama de ficción, como a que afecta a súa exmuller, a súa filla e a súa neta.

Protagonizada polo propio Marianico, Miguel Ángel Tirado, e con Luisa Gavasa e Ken Appledorn nos papeis principais, ‘O derradeiro show’ presenta, como punto de partida, un ficticio Miguel Ángel Tirado, que aos seus 75 anos trata de dar un xiro radical a súa vida e fuxir do personaxe que o converteu en todo un símbolo de humor nos anos 90.

O cómico segue saíndo ao escenario do cabaré El Plata cada noite, convertido no personaxe que lle deu celebridade en España hai xa varias décadas, pero a súa mente voa lonxe porque os seus propios chistes xa non lle fan graza, nin a el, nin ao público e entende que debe buscar outro camiño. Tras as súas dúbidas existenciais, decide perseguir os seus soños: recuperar o amor da súa exmuller e dirixir unha película surrealista coma as do seu admirado Buñuel.

Fuente Crtvg.es