A TVG estrea este luns o programa ‘O Son da Ribeira’ para amosar e poñer en valor a tradición musical da cultural mariñeira

0
6

Santiago, 02.08.2020.-    A cultura mariñeira ten unha conexión moi forte coa cultura musical, xa que ás xentes do mar lles gusta cantar e facer música. Non existe porto de mar onde non se poidan atopar formacións musicais, profesionais ou de afeccionados. E a maioría destas formacións son de música tradicional, aínda que existen moitos outros estilos musicais.

O Son da Ribeira’, o novo programa que a TVG estrea este luns ás 00.15 h, pretende poñer en coñecemento da audiencia todo este tesouro musical da cultura mariñeira. Neste espazo, realizado por Producións Celta para a Televisión de Galicia, as agrupacións musicais do mundo do mar presentarán a súa música, ao tempo que se fará visible a relación desta música cos diferentes traballos do mar.

Para facelo, escollerase cada semana unha canción representativa dun porto e investigarase sobre a súa orixe e a súa influencia na vida da vila, amosando diferentes versións dese mesmo tema ou buscando unha serie de cancións que en conxunto poidan constituírse como unha mostra do que se podería chamar o cancioneiro dun porto, dunha comarca mariñeira ou dun oficio do mar.

Na súa estrea, o programa, dirixido e presentado por X.H. Rivadulla Corcón, achegarase á canción ‘O meu amor mariñeiro’, que define dous dos sentimentos máis fondos dos homes e mulleres do mar: o amor polo mar e a liberdade que este lles proporciona.

‘O Son da Ribeira’ achegarase ao porto de Sada escoitar unha versión deste tema interpretada por Cristina Fernández, que precisamente está casada cun mariñeiro, Manolo Presas, un patrón de cerco que leva toda unha vida no mar. Outra versión da canción correrá a cargo da Coral Polifónica Brisas do Mar, de Camariñas, formada por mariñeiros, mariscadoras e os seus familiares. E tamén haberá unha terceira, a que cantarán os membros do grupo de Pontedeume Faltriqueira a bordo dun barco navegando polo golfo Ártabro.

Ademais, o espazo da TVG falará co autor da canción, Xosé Luis Rivas ‘Mini’, membro do grupo Fuxan os Ventos, para o que escribiu a música de ‘O meu amor mariñeiro’. Explicará que a letra está baseada nun poema do portugués Manuel Alegre, poeta nado en 1936 e que goza dun gran prestixio literario en Portugal, cunha numerosa obra publicada en poesía e narrativa.

Fuente Crtvg.es