A TVG estrea na noite do domingo ‘Xente Marabillosa’, espazo de cámara oculta presentado por Lucía Rodríguez

0
73

Santiago, 14.04.2023.-    A Televisión de Galicia estrea este domingo ‘Xente Marabillosa’, un espazo que recollerá a reacción de galegos e galegas anónimos/as e famosos/as ante situacións de discriminación. A partir de testemuños previos, o programa recreará situacións reais, que recollerá a través de cámaras ocultas, nun exitoso formato, de fondo compromiso social, que xa triunfou noutras canles autonómicas, como a andaluza ou a canaria.

A presentadora na TVG será Lucía Rodríguez, que estará acompañada en cada entrega pola figura dun padriño ou madriña, que será o encargado de defender o tema abordado. Na súa estrea, ‘Xente Marabillosa’ centrarase no fomento da lingua galega, desmontando prexuízos e tópicos. Contará para esta tarefa coa xornalista Esther Estévez, que conduce o espazo de divulgación da lingua da CRTVG ‘Dígocho Eu’ .

Por medio das cámaras ocultas, os espectadores poderán ver como a encargada de marketing dunha tenda discrimina a súa dependenta por atender as clientas en galego. Haberá xente marabillosa en Galicia que salte para defendela? Haberá. En cada entrega, o programa contará con dúas persoas, unha anónima e outra VIP, que asumirán a misión de reaccionar ante as situacións de discriminación e cuxa solidariedade será posta a proba. Neste caso, o rostro famoso será o da actriz galega María Mera. Por non mirar para outro lado, contarán co recoñecemento dos espectadores e recibirán o trofeo de ‘Xente Marabillosa’, unha sorpresa única que lles cambiará a vida.

Ademais, este domingo, na súa primeira entrega (22.30 h), o novo espazo da TVG contará cun público virtual, composto por un mosaico de galegos conectados ao programa dende as súas casas, e localizados en diferentes partes do mundo: A Arxentina, O Uruguai, Suíza, Alemaña, Madrid… Tamén intervirán personaxes do Entroido propio, como un boteiro de Viana ou un cigarrón de Verín e, por suposto, xente querida por Esther Estévez, que buscarán sorprendela, como a mascota do seu programa da G2, Digochiño, e artistas como as Tanxugueiras.

E tamén haberá música. Subirá ao escenario a cantante Sheila Patricia, que mestura canto tradicional e electrónica no seu tema ‘A Moura’.

Fuente Crtvg.es