Esta semana en ‘Clac’, poderase ver ‘Doentes’, o único filme filmado a partir dun texto de Roberto Vidal Bolaño

0
20

Santiago, 13.05.2022.- ‘Clac’ presenta hoxe na G2 (22.55 h) a única longametraxe cinematográfica que se filmou a partir dun texto de Roberto Vidal Bolaño. En 2010, adaptouse a obra teatral ‘Doentes’, que se representara nos escenarios dez anos atrás, pouco antes do pasamento do dramaturgo e actor. O filme rodouse en Compostela e levou cinco premios Mestre Mateo, incluído o de mellor película.

‘Doentes’ é case un esperpento valleinclanesco, con influencias de ‘A Esmorga’ de Blanco Amor. Ambientada na escura Galicia da posguerra, a película é a crónica de amizade de dous sobreviventes marxinais, radicalmente distintos, pero iguais. Un deles é un militante antifranquista tísico e o outro un cura carlista que simula levar chumbo no corpo tras participar supostamente na guerra de Marrocos.

Cando da noite á mañá se desmonta o Hospital Real de Compostela para crear o Parador, os dous protagonistas de ‘Doentes’, encarnados por Antonio Durán ‘Morris’ e Xosé Olveira ‘Pico’, sen teito, quedan vagando pola cidade, buscando a vida. Pero xorde un problema ou unha oportunidade: Franco e a súa muller chegan á cidade ao día seguinte. Eles pretenden que esa visita sexa o salvoconduto contra a intemperie, a cambio de entregarlles a escultura dunha santa de madeira que levan con eles.

Para falaren de ‘Doentes’, visitan hoxe ‘Clac’ o director, Gustavo Balza, cineasta venezolano que traballa en Galicia desde hai dúas décadas, e o actor Antonio Durán ‘Morris’, que interpreta o antifranquista tísico, un papel polo que levou o Mestre Mateo. O director volverá anos atrás para explicar o xermolo deste proxecto de adaptación dunha obra de Vidal Bolaño, con claras reminiscencias ao mundo de Valle Inclán. Pola súa parte, ‘Morris’ enxalzará a fortaleza da película e lembrará o pracer de traballar con Xosé Olveira ‘Pico’.

Esta edición de ‘Clac’ poderase ver, de novo, o sábado na franxa nocturna da TVG.

Fuente Crtvg.es