A TVG leva ás rúas galegas frases inesquecibles e expresións míticas da historia da canle na campaña ‘A Tele ao teu Xeito’

0
30

Santiago, 09.01.2020.-   A campaña #AteleAoTeuXeito da CRTVG segue a percorrer ata finais de xaneiro as rúas das principais vilas galegas. Autobuses urbanos de Vigo, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense pasean algunhas das frases máis senlleiras de programas, informativos e do mundo do deporte para lembrar que todos estes contidos seguen dispoñibles nos soportes dixitais da Corporación: no portal web crtvg.gal, nas aplicacións para móbil, nas redes sociais que achegan máis información, máis deporte, acompañamento e a lingua aos máis novos. Tamén, nos podcasts, na sección ‘Enserie.gal’, onde se poden ver as producións de ficción da Galega ou no arquivo dixital Pasouoquepasou.org.

A campaña recolle expresións dos protagonistas de series como ‘Pratos Combinados, co “Que queres, miñoca?” de Miro Pereira, ou o “Marcho que teño que marchar” que dicía Currás en ‘Mareas Vivas’. Outros autobuses pasean frases como “A cabeza non para”, dos Tonechos; “Marusía con áreas de forte marusía”, do espazo ‘O Tempo’; “Persebes coma puños”, tamén de Currás en ‘Mareas Vivas’, ou o titular que tanto se emprega, “Asaltaron a máquina comecartos”, no informativo diario ‘Galicia Noticias’, o máis seguido do mediodía galego.

Os presentadores e locutores da Televisión de Galicia e da Radio Galega levan case 35 anos achegando expresións moi recoñecibles, como as de Xosé Ramón Gayoso e o seu clásico “Boas noites, con quen falo?” no ‘Luar’ dos venres; ou a despedida habitual de Santiago Pemán despois de contar a previsión meteorolóxica: “Boas noites e ata mañá”. “Remate á reviravolta” e “Saíu a rentes do pau”, dos compañeiros de Deportes, completan esta selección de frases míticas.
    
As liñas de autobús que levan estas mensaxes da Galega son, en Vigo, a L5, de Navia a Teis; en Pontevedra, a liña 2, de Monteporreiro á cidade; en Santiago de Compostela, a liña 5, de Vite á Rocha; na Coruña, a liña 1, entre o hospital Abente y Lago ata O Castrillón; en Ferrol, a liña 7, de praza Galicia á Faísca; en Lugo, a liña 10, que vai ao campus, e, en Ourense, a liña 6B, da estación de autobuses á Residencia.

Fuente Crtvg.es