A TVG ofrece este día de Reis un especial ‘Luar’ de irmandamento coa televisión pública asturiana

0
51

Santiago, 06.01.2023.-    A Televisión de Galicia pecha este día de Reis a programación especial de Nadal coa emisión do programa especial ‘Luar. Benvidos, bienllegaos’. O musical dos venres emitirase en directo e de maneira simultánea coa Radio Televisión do Principado de Asturias (RTPA). As canles públicas de ambas comunidades repiten este irmandamento, polo que esta noite os espectadores da TVG poderán ver na condución do programa, ademais de a Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández, a Sonia Fidalgo, presentadora do espazo musical ‘Babel’ da RTPA, e ao actor Pedro Durán, chegados desde Asturias. 

Nesta noite especial, subirá ao escenario de ‘Luar’ un artista asturiano emblemático, Víctor Manuel, que, entre outros temas, interpretará ‘Asturias’, homenaxeando esta edición especial ‘Benvidos, bienllegaos’. Tamén actuará en conxunto coa cantautora coruñesa Silvia Penide

Doutra banda, interpretará os seus couplés Lilián de Celis, actriz e cantante asturiana que leva case oito décadas deleitando o seu público, desde que, con pouco máis de oito anos, se dera a coñecer en Radio Madrid con ‘Aquellos tiempos del cuplé’, tema interpretado xunto a orquestra de Indalecio Cisneros. 

O grupo punk Los Berrones, considerados os iniciadores do agro-rock, dará conta na noite do venres da versatilidade do panorama musical asturiano. Ademais, o programa contará coas agrupacións folclóricas Lagharteiras e Algaire, o grupo de baile tradicional Xeitu, e mais coa orquestra Waykas.

E non faltarán os recanteiros. Lucía García, representante da Costa da Morte, interpretará ‘A quen lle importa’, e Santín, da Terra Chá, ‘O rei’. Rematarán xuntos no escenario con ‘O amor non se esquece xamais’.

Fuente Crtvg.es