A TVG ofrece este mércores catro debates electorais, en desconexión provincial dentro do ‘Bos Días’

0
3

Santiago, 30.06.2020.-  Televisión de Galicia continúa mañá mércores coa súa cobertura da campaña electoral para os comicios do 12 de xullo, coa emisión de catro debates, un por cada provincia, entre representantes dos sete partidos obxecto de especial atención contemplados no Plan de Cobertura da CRTVG.

Os debates estarán moderados polo xornalista da TVG, Francisco López Iglesias, e emitiranse este mércores, en desconexión provincial, ás 10.00 horas, dentro do espazo informativo ‘Bos Días’. Os asistentes confrontarán as súas posicións arredor de 4 grandes bloques: Galicia e a COVID: xestión, nova normalidade, reconstrución; Políticas económicas, industriais, orzamentarias e fiscais xerais; Políticas sociais e de benestar, educación, sanitarias e modelo institucional, pactos, gobernabilidade e encaixe de Galicia no Estado. Nestes bloques temáticos non haberá quendas fixas de intervencións; será o moderador o encargado de repartir os tempos do xeito máis equitativo posible. Estes debates, que terán unha hora de duración, realízanse no Estudio 5 de San Marcos.

Pola súa parte, a G2 reemitirá a continuación do ‘Telexornal Serán’ os catro debates, entre o mércores e o xoves. A partir das 23.00 horas, o 1 de xullo poderanse ver os celebrados con representantes das provincias de Ourense e Lugo e, ao día seguinte, os de Pontevedra e A Coruña.

En canto á provincia de Ourense, acudirán ao debate Marisol Díaz (PPdeG), Milagros Corral (Marea Galeguista), Marina Ortega (PSdeG), Noa Presas (BNG), David Bruzós (Galicia en Común), José Araújo (Cs) e María Jesús Fernández (VOX).

Pola provincia de Lugo, participarán Elena Candía (PPdeG), Iván Rodríguez Lombardero (Marea Galeguista), Patricia Otero (PSdeG), Olalla Rodil (BNG), Miguel Anxo Fernández-Vello (Galicia en Común), José Ángel Gómez (Cs) e Irene Teijeiro (VOX).

No caso de Pontevedra, intervirán Alfonso Rueda (PPdeG), Peque González Novoa (Marea Galeguista), Julio Torrado (PSdeG), Luis Bará (BNG), Eva Solla (Galicia en Común), Fátima Iglesias Ferreira (Cs) e Antonio Ramilo (VOX).

Finalmente, no debate da Coruña os participantes serán Ánxeles Vázquez (PPdeG), María Chao Martínez (Marea Galeguista), Pablo Arangüena (PSdeG), Xosé Luis Rivas ‘Mini’ (BNG), Luca Chao (Galicia en Común), Carmen Mahía (Cs) e Ricardo Morado (VOX).

Fuente Crtvg.es