A TVG participará en dez novos proxectos cinematográficos, dentro das accións de apoio ao audiovisual galego

0
7

Santiago, 19.01.2021.-    A CRTVG acordou a súa participación nun total de dez novos proxectos cinematográficos -tres longametraxes e sete películas documentais- en cumprimento das accións de apoio dos medios públicos ao sector audiovisual. Despois da avaliación realizada pola Comisión Directiva de Programación da TVG, determinouse a participación da Corporación nesta selección de proxectos, dentro do coñecido como o cumprimento do 6%.

As tres longametraxes que contarán co apoio da Televisión de Galicia son a ópera prima de Álvaro Gago, ‘Matria’; a película de autor ‘O corno de centeo’, de Jaione Camborda, e a nova proposta de Dani de la Torre: ‘Live is life’.

Matria’, dirixida por Gago e producida por Matriuska, chega despois da colleita de premios da curtametraxe co mesmo título, premio do xurado en Sundance. O proxecto conta cun acordo de coprodución e distribución con Avalon, e as axudas de AGADIC e ICAA. Tamén foi elixida a película de autor ‘O corno de centeo’, de Jaione Camborda, que vén avalada pola residencia de proxectos Ikusmira Berniak do Festival de San Sebastián e conta coa alianza de tres produtoras de contrastada traxectoria: Esnatu e Miramemira, en coprodución minoritaria coa portuguesa Bando Aparte.

Ademais, a TVG seleccionou ‘Live is life’, a nova película de Dani de la Torre, longametraxe con gran potencial comercial coa marca de distribución Warner. Na película, de acción e aventura xuvenil, participan Frida Films, en coprodución con Atresmedia, e  tamén Netflix, cun importante investimento en distribución.

Por outra parte, a Galega acordou participar en sete novas longametraxes documentais. Unha delas é ‘A viaxe de Lucy’, documental de ciencia sobre a NASA, de Somadrome Films, que foi xa o gañador de dous das máis importantes presentacións nos mercados internacionais: MIPDOC 2020 e The Sunny Side of the Docs 2020. Tamén se seleccionou ‘Auto de ánimas’,  dirixido por Pablo Lago Dantas, e producido por Diana Toucedo Films, que quere ser un retrato xeracional e mostrar unha forma de vida en extinción e unha mirada de autor.
    
Ademais, a TVG apoiará ‘Negro púrpura’, de Illa Bufarda, documental que indaga na Galicia do século XX a través do clavicéps purpúrea, un fungo alucinóxeno que agroma nos cereais. O filme descobre as conexións deste fungo alucinóxeno co LSD, as multinacionais farmacéuticas, as pragas medievais, a medicina popular e a CIA, que explican que fora coñecido coma o ouro negro. Tamén foi seleccionado o documental biográfico ‘Julio Camba’, de Arraianos Producións, dirixido por  Aser Álvarez, sobre a figura dun dos máis populares escritores e correspondentes da prensa do século pasado.

Completan a selección tres títulos: ‘Entre pastores e lobos’, de Ibis Audiovisual e dirixido por Manuel Pedrosa Sánchez, en que un equipo de documentalistas se achegan aos últimos pastores da Serra da Queixa e ás mandas de lobos salvaxes destas montañas; ‘Crías’, documental de Xiana do Teixeiro producido por Walkie Talkie Producións, que conta xa co apoio do ICAA e que trae á luz decenas de diarios adolescentes que falan da procura da identidade feminina, e ‘Dúas vellas, sete gatos e tres máquinas de coser’, unha coprodución con Portugal de Agallas Films co apoio de AGADIC. Dirixida por Marta Pérez Pereiro, parte dunha experiencia persoal e será un documental de creación que investiga a relación do colectivo transexual coa moda.

Fuente Crtvg.es