A TVG remata a tempada 2020-2021 cos mellores datos de audiencia dos últimos tres anos

0
11

Santiago, 29.06.2021.-  A TVG pecha a tempada 2020-2021 coas mellores audiencias dos tres últimos anos, segundo datos dos informes do medidor oficial Kantar Media respecto da tempada 2020-2021 (entre o 11 de setembro de 2020 e o 27 de xuño 2021).

A canle medrou neste período ata o 10,4 % de media no conxunto do día e do 10,7 % no prime time. Ademais, a Galega é a máis vista entre a xente nova, os mozos de entre 13 a 24 anos, cun 10,9 % de cota neste colectivo, por diante de Tele5, cun 9,8 %.

A Televisión de Galicia é líder absoluta da información en Galicia. Destaca moi especialmente o liderado na franxa do mediodía, de 13:30 h a 15:30 h, en que o bloque formado polos espazos ‘Galicia noticias’ e ‘Telexornal mediodía’ medrou ata o 21,8 % de cota, 5,7 puntos máis que o seguinte competidor, Antena 3, (16,1 %). A Galega chegou cos seus informativos ao longo da tempada ao 94 % dos galegos de 4 e máis anos.

Medran todos os espazos informativos en todas as franxas desde a mañá á noite, destacando o ‘Telexornal mediodía’ de luns a venres, que medra 3,8 puntos con respecto á tempada 2019-2020; o ‘Galicia noticias’, que incrementa 3,3 puntos, e o ‘Telexornal serán’ de luns a venres, que medra 2,2 puntos.

Á marxe dos informativos, no prime time, a TVG aumenta tamén a súa cota 1 punto por riba da tempada anterior, e así, cinco días da semana acadan os dous díxitos nunha franxa de extraordinaria competencia: os luns (10,3 %), os xoves, (13,8 %), os venres (10,9 %), os sábados (11,2 %) e os domingos (10 %).

Respecto das canles autonómicas, TVG acada a segunda posición no conxunto do día, só por detrás da catalá TV3.

Líderes en difusión da cultura

Cómpre salientar a aposta pola programación cultural da CRTVG a través da súa estratexia #Cultura365, que abrangue de forma integral a TVG, a Radio Galega e as canles dixitais. A Radio Galega experimentou un incremento exponencial da audiencia do ‘Diario cultural’ apoiado pola canle dixital www.diariocultural.gal , e na televisión a aposta cultural fixo que posible que a TVG sexa a primeira canle en cota de pantalla no xénero de artes escénicas, e a segunda canle de Galicia con máis emisións culturais (1.672) e musicais, só por detrás dunha canle especializada como La2.
 
Os datos de Kantar Media reflicten que a CRTVG conseguiu facer accesibles os diversos ámbitos culturais a toda a poboación, no canto dos nichos de audiencia nos que adoita moverse esta clase de programación. A CRTVG insiste na estratexia de #Cultura365 de levar a nosa cultura e lingua a todas partes e todas as idades e en calquera momento. Esta forma de pensar leva á CRTVG a explorar novas formas de consumo de cultura en novas plataformas onde se move a xente máis nova, pero sen renunciar aos valores de servizo público, como é o caso do #DígochoEu, que leva a lingua e a cultura galega a plataformas como Twitch e TikTok.

Fuente Crtvg.es