A TVG sorprende esta noite os espectadores con ‘Juan e Junior. Un mundo diferente’, filme musical de ciencia ficción gravado integramente en Galicia

0
59

Santiago, 22.12.2022.-   A TVG recupera hoxe un tesouro cinematográfico: ‘Juan e Junior. Un mundo diferente’, o último musical gravado por Juan e Junior, un filme de 1970, que narra as peripecias de dous extraterrestres que tentan facerse pasar polos cantantes de moda do momento, co obxectivo de facerse co control do planeta.

Pedro Olea dirixiu este musical de ciencia ficción, gravado integramente en Galicia. Foi a súa última incursión no mundo ye-yé. O filme conta coas actuacións dunha novísima Maribel Martín, que, na personaxe de Alicia, vive un romance con Juan Pardo; Francisco Merino; Luis Peña, e Concha Rabal.

Procedentes de formacións que contribuíran a refrescar o panorama musical dos 60 en España, como Los Pekenikes e Los Brincos, Juan Pardo e Antonio Morales ‘Junior’ conformaron un dúo musical de éxito entre 1967 e 1968. Cunha curta discografía de seis sinxelos, popularizaron temas como ‘Anduriña’ ou ‘ A dos niñas’, composta para Marisol e Rocío Dúrcal. Na data en que se estreou o filme que hoxe proxecta a Televisión de Galicia, o dúo xa se separara a causa dunha desavinza entre os compoñentes, o que fixo que a película permanecese oculta durante décadas. Tanto é así que o propio Juan Pardo confirmou en 2006 que non tiña ningunha copia.

Esta noite, os espectadores da TVG poderán gozar cunha peza xenuína, para nostálxicos da música da década dos 60 do século pasado, ambientada con vestimentas e imaxes de cores saturadas, propias da época, nun escenario inconfundible: Galicia.

Fuente Crtvg.es