A Xunta condonará débedas por coincidir o cobro da Riga e do Ingreso Mínimo Vital

0
9

Santiago de Compostela, 25.06.2021.- Fabiola García Martínez, conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, foi entrevistada esta mañá no espazo ‘Bos días’ da Televisión de Galicia, onde abordou a cuestión da incompatibilidade da Risga e o ingreso mínimo vital (IMV). 

García Martínez amosou a súa preocupación ante esta situación, remarcando que “o colectivo de persoas afectadas son familias con vulnerabilidade social”. Destacou que xa un ano atrás o Goberno galego trasladou a “incompatibilidade da Risga co IMV” ao Goberno central, e recordou que durante o tempo que as familias estiveron esperando, “nos lle mantivemos a Risga, e agora cobran de golpe o IMV cos meses anteriores e a lei galega di que é incompatible, polo que se lles solicita a devolución”. 

Non obstante, a conselleira confirmou que “o importante é que ao 80 % das familias se lles vai condonar total ou parcialmente” esta débeda. É un asunto importante porque moitos destes perceptores se enfrontan a ter que devolver ata 5.000 euros. De cara  ao futuro, Fabiola García afirmou que “imos reformar a lei de inclusión de Galicia para adaptala ao IMV”.

Na conversa mantida para a TVG esta mañá, a responsable de Política Social da Xunta de Galicia fixo tamén un balance sobre a necesidade de “comezar a traballar nun novo modelo de residencias”, baseado en tres piares fundamentais: “coordinación socio-sanitaria, incorporación de novas tecnoloxías e melloras estruturais e arquitectónicas”. 

Sobre os campamentos para os máis pequenos, a conselleira destacou as máis de 7.000 prazas que a Xunta de Galicia vai convocar para que os rapaces “se divirtan, compartan con outros nenos e aprendan”. Ademais, García Martínez mandou unha mensaxe de tranquilidade aos pais xa que “vanse cumprir todos os protocolos”. 

Fuente Crtvg.es