Alfonso Rueda, canto ao Xacobeo: «Todas as cifras apuntan a que temos que estar moi satisfeitos»

0
13

Santiago de Compostela, 08.09.2021- Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia, foi entrevistado este mércores no espazo ‘Bos días’ da Televisión de Galicia, onde fixo un primeiro balance provisional da temporada turística e abordou diversas cuestións de actualidade.  

O vicepresidente do Goberno galego e conselleiro de Vicepresidencia, Xustiza e Turismo compartiu a súa satisfacción ante os primeiros datos recollidos sobre o turismo galego durante estes meses de verán: “Tiñamos expectativas xa, pero estámolas superando”. 

Rueda fixo mención ao acordo recentemente consensuado coa hostalería, ao que cualificou como un punto “fundamental” de cara ao futuro, e amosou o seu optimismo ante a situación deste sector: “Cando fora posible ir levantando restricións habería que facelo, e  afortunadamente estamos nese momento”. Sobre o ocio nocturno, o conselleiro manifestou a súa esperanza no recurso presentado ante o Tribunal Superior de Galicia para a recuperación do pasaporte covid, unha “solución” para os hostaleiros, que “estaban satisfeitos con esta medida porque achegaba seguridade e non supuña unha gran molestia”. 

Rueda expresou a súa intención de “levarse ben con todo o mundo” con respecto á colaboración co Goberno central na celebración do Xacobeo, aínda que sinalou a necesidade de “máis fondos” e dunha maior “ambición” pola súa parte: “Pediríalle ao Goberno que sexa máis colaborador”. Para o conselleiro, “hai que ser efectivo e axudar a xente cando a xente o necesita”. 

En relación á chegada do AVE a Galicia neste ano 2021, Rueda mostrouse cauto: “Estamos vendo como están as infraestruturas, pero oxalá sexa verdade”. Nas súas palabras, “para o turismo en xeral e para a nosa vida vai ser un antes e un despois”, así que “se se cumpre este compromiso, estaremos todos de noraboa”. 

Fuente Crtvg.es