Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia: «seguro que no ano 2022 bateremos o récord dos cinco millóns de turistas»

0
13

Santiago de Compostela, 18.05.2021- Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia, foi entrevistado este martes no espazo ‘Bos días’ da Televisión de Galicia, con motivo do comezo da Feira Internacional de Turismo, onde Galicia espera amosar o seu potencial como destino turístico. 

O vicepresidente do Goberno galego e conselleiro de Vicepresidencia, Xustiza e Turismo salientou que “a seguridade agora pasa ao primeiro plano”, e amosouse optimista ante o verán: “Xa nos queda pouco tempo, e mesmo esta ponte xa se viron esas ganas que ten a xente de viaxar”. Para o conselleiro, será no 2022 cando se superen os cinco millóns de visitantes, unha cifra rexistrada no 2019. 

Rueda expresou a intención de centrarse no turismo nacional, aínda que sinalou: “Achegaremos ese engadido para os turistas estranxeiros, que saiban que en Galicia hai unha seguridade”, e fixo fincapé na concienciación existente entre os propios profesionais da hostalaría e doutros sectores turísticos. 

Para finalizar a entrevista, e sobre o proceso de vacinación da poboación galega, Alfonso Rueda recoñeceu que “hai que ser optimistas pero realistas”, xa que “o certo é que só se poden pór as vacinas que temos”. 

Fuente Crtvg.es