Ampla despregadura do ‘Galicia en Goles’ para o decisivo Galicia-Belgrado, pola Copa das Rexións UEFA

0
27

Santiago, 15.06.2023.-    A programación deportiva desta fin de semana na Radio Galega comeza o venres, ás 20:30 h, co seguimento ao torneo de promesas de baloncesto feminino que disputan en Viveiro as seleccións de España, Hungría, Bélxica e Alemaña. Ata as 00:00 h, o programa analizará o calendario dos equipos galegos nunha temporada que está a punto de rematar.

O sábado, desde as 15:00 h, toda a atención estará posta na Lomba de Vilagarcía, onde a selección galega de afeccionados, que representa a Federación Española de Fútbol, disputa ante o equipo de Belgrado, que compite baixo a bandeira da Federación de Serbia, o título da Copa das Rexións UEFA. Galicia chega ao partido definitivo tras gañar os tres primeiros da fase de grupos, encaixando só un gol.

Durante o día, o fútbol sala tamén será protagonista, coa cobertura en Madrid do encontro de ida da final da liga de fútbol sala feminino entre o Navalcarnero e o Burela. Ademais, en Lugo, o equipo local necesita remontar ante o Melistar o 4-2 encaixado no primeiro encontro para ascender á Segunda División masculina.

O sábado é o día do proxecto #GaliciaEnXogo. Desta volta terá ata catro entregas, coa primeira ás 13:00 h desde Taboada, para celebrar o 50 aniversario do club de fútbol. Ás 15:30 h, os máis novos coñecerán as últimas novidades dos xogos electrónicos. E na última hora, ás 23:00 h, o Rally de Ourense centrará o espazo do motor para dar paso ás 23:30 h ao tempo dos deportistas galegos olímpicos que preparan os Xogos de París.

Xa o domingo, a edición matinal comeza ás 12:00 h, con dúas horas dedicadas ao deporte base, en concreto aos torneos de Cangas e Ribadumia. A partir das 15:00 h, as finais das Copas de Lugo, Ferrol, Vigo e Pontevedra repartirán as horas da tarde. Cando remate a xornada, contra as 23:00 h, os especialistas de ‘Ao Contraataque’ pasarán consulta para analizar a situación, entroutros, do Celta, o Rácing de Ferrol, o Deportivo e o Lugo, que están preparando xa a próxima temporada.

Fuente Crtvg.es