Amplo despregamento da Radio Galega este sábado para a retransmisión do Rácing de Ferrol-Celta B

0
33

Santiago, 25.05.2023.-    A última fin de semana do mes de maio presenta unha completa axenda de retransmisións na Radio Galega. O venres, desde as 20.30 h, o ‘Galicia en Goles’ daralle cobertura ao primeiro partido dos cuartos de final polo ascenso á Liga ACB de baloncesto entre o Básquet Coruña e o Guipúscoa desde o Palacio dos Deportes de Riazor. O deporte da canastra tamén terá protagonismo en Vigo, co España-A China de baloncesto feminino no pavillón das Travesas. Ademais, o día traerá a apertura das semifinais pola Liga de hóckey a patíns entre o Liceo e o Calafell, ademais da volta das semifinais polo ascenso á Primeira de fútbol sala entre o Sala Zaragoza e o Burela.

O sábado, desde as 15.00 h, toda a atención da xornada pasará polo estadio da Malata, onde o Rácing de Ferrol pode regresar, 15 anos despois, á Segunda División profesional se é quen de derrotar o Celta B. O filial celeste tamén necesita os puntos para defender a quinta praza que lle permitiría xogar as eliminatorias de ascenso. 

Ao ser horario unificado, o ‘Galicia en Goles’ tamén estará en Pasarón co Pontevedra-Deportivo e informará ao momento do que pase nas citas que afectan aos equipos galegos na Primeira RFEF: Alcorcón-Sanse, Alxeciras-Castilla e Linares-San Fernando. Os oíntes tamén poderán seguir o Burgos-Lugo, no peche da Liga de Segunda; Tarazona-Compostela, na volta das semifinais polo ascenso á Primeira RFEF; Ourense C. F.-Beasain, na volta da permanencia na Segunda RFEF, e a ida do ascenso á Segunda RFEF entre o Vilalbés e La Calzada da Rioxa.

Galicia En Xogo’, o proxecto conxunto da CRTVG, chegará, como cada sábado, ás 13.00 h ao dial da Radio Galega. Desta volta, o programa viaxa a Ordes para homenaxear a Iván Raña, o pioneiro do tríatlon na nosa comunidade.

O domingo, desde as 12.00 h, a sesión matinal xirará arredor do Palacio dos Deportes de Riazor, onde o Liceo e o Calafell disputan o segundo partido das semifinais pola Liga de hóckey sobre patíns. A partir das 15.00 h, o programa seguirá o final da competición na Preferente Galicia, en que o Betanzos pode sumarse aos xa ascendidos á Terceira RFEF Sarriana, Barbadás e Pontevedra B. Desde as 19.00 h, o ‘Galicia en Goles’ retransmitirá de xeito íntegro o Cádiz-Celta, a través de radiogalega.gal e g24.gal/deportes. Tras alcanzar a cifra de 40 puntos, o equipo vigués aínda non está salvado tras as inesperadas vitorias do Getafe e do Valladolid na xornada intersemanal.

Ademais do fútbol, o baloncesto tamén terá presenza co segundo encontro dos cuartos de final polo ascenso á Liga ACB entre o Básquet Coruña e o Guipúscoa.

Fuente Crtvg.es