Ana Pontón, voceira do BNG: «O obxectivo é acadar a presidencia da Xunta en 2024»

0
11

Santiago, 11.11.2021-     Ana Pontón, voceira nacional do BNG, foi entrevistada esta mañá no informativo ‘Bos Días’ da Televisión de Galicia, despois da súa reelección como líder do Bloque Nacionalista Galego, a pasada fin de semana, na XVII Asemblea Xeral da forza política.   

Pontón indicou que “esta asamblea marcou o inicio dun novo ciclo para o BNG, somos a segunda política deste país e queremos dirixirnos e dar unha alternativa aos galegos e galegas” para que no 2024 haxa unha presidencia nacionalista. “Necesitamos un Goberno que confíe en Galicia”, incidiu Pontón, “non podemos permitir que durante máis anos sigan adiante políticas que están estragando o futuro de Galicia”. Afirmou tamén que “a opción de dar un paso ao lado estivo enriba da mesa”, e destacou que a alternativa real fronte ao Partido Popular é o BNG.
    
Ao preguntarlle sobre o concepto de soberanismo, a líder do partido nacionalista subliñou que “iso significa defender e querer o noso país” e destacou que cando se decide desde aquí, aos galegos vailles mellor.
    
Entre outras cuestións, na entrevista abordouse o financiamento autonómico, sobre o que a líder do BNG afirmou: “Levamos cun sistema caducado desde 2014, en que perdemos moitos millóns de euros. E hai un defecto central, que é que a recadación está centrada en Madrid  e non hai transparencia do que se recada e do que vén”.

“O Estado queda con 5.000 millons de euros dos galegos e galegas”, continuou, e “hai que ter ambición á hora de defender os intereses de Galicia” cun sistema de cota “como o que teñen Navarra e o País Vasco” e ir a unha proposta ambiciosa e que as empresas que explotan recursos naturais na comunidade paguen os impostos aquí, que se aumente ao 90 % a cesión dos impostos cedidos ou que se reclame a cesión ao 100 % do imposto de patrimonio.

En referencia ás emendas aos orzamentos xerais do Estado, que actualmente teñen lugar no Congreso dos Deputados en Madrid, Pontón sinalou que no pasado “fomos moi eficaces na nosa defensa de Galicia e o Goberno incrementou este ano un 30 % os investimentos en Galicia”. Destacou que teñen a man tendida para poder negociar uns orzamentos mellores para Galicia e que se non melloran, o voto afirmativo do BNG está lonxe de poder ser unha realidade. Ademais, a voceira nacionalista amosou a súa preocupación ante a votación que ten lugar este xoves no Congreso dos Deputados para elixir os membros do Tribunal Constitucional e afirmou que “estamos nunha democracia de baixa calidade”.

Candidatura electoral de Yolanda Díaz

En canto á candidatura electoral de Yolanda Díaz, Pontón dixo que o pluralismo político forma parte da esencia da democracia e que ten unha relación cordial con ela. Para finalizar, a líder nacionalista afirmou que tras ser elixida na Asamblea Nacional do BNG, xa tivo un contacto con Valentín González Formoso e que o presidente da Xunta non a chamou, polo que cre que a súa reelección “é unha mala noticia para el”.

Fuente Crtvg.es