‘Aquí hai verán’ achega hoxe tradición, gastronomía e boa música, desde Ribeira, Arnoia, Sada e A Coruña

0
6

Santiago, 09.08.2020.-  O ‘Aquí hai verán!’ (22.10 h) trasladaralles aos espectadores, unha semana máis, o ambiente que se respira en Galicia durante a época estival. Para comezar, o programa estará no Carme de Ribeira, unha cita que se celebra coas festas do verán deste municipio. Este ano, a tradicional misa tivo lugar ao aire libre no Malecón, e ademais da tradición tamén se puido gozar do directo das Tanxugueiras.

Na seguinte parada, o espazo saboreará boa gastronomía na Festa do Pemento de Arnoia, celebrada dun xeito diferente, pero deixando claro por que os de Arnoia son os mellores pementos da zona. En lugar de xantares populares, durante esa fin de semana foron os locais da localidade os que ofreceron a degustación do produto estrela.

No ‘Aquí hai verán!’ regresarase aos “felices anos 20” grazas á Feira Modernista de Sada, unha festa que contou cun pícnic popular, pasacalles, concertos… e todo isto ataviados coas mellores galas daquela época.

E ademais irase de festa para coñecer o ambiente que se respira na Coruña durante as súas festas de María Pita. Verase de que maneira se celebran estes días festivos na cidade herculina e para isto farase un percorrido polas súas rúas onde se falará coas súas xentes. Este domingo, a partir das 22:00 horas na TVG, deixarase claro unha vez máis, que si, que ‘Aquí hai verán!’ en Galicia.

Fuente Crtvg.es