Arranca a rodaxe da serie galego-portuguesa ‘Motel Valkirias’, participada pola TVG e a RTP

0
20

Santiago, 18.01.2022.-    A Televisión de Galicia e a Rádio e Televisão de Portugal (RTP) volven unirse para facer unha serie xuntas, ‘Motel Valkirias’, unha coprodución realizada pola galega CTV e a portuguesa SPi, que esta semana iniciaron a rodaxe desta ficción con tinguiduras de thriller, ambientada nun motel transfronteirizo entre Galicia e Portugal, que se desenvolverá ao longo de 8 capítulos e que será rodada en galego e portugués.

A actriz galega María Mera e as portuguesas Marina Mota e María João Bastos conforman o trío protagonista de ‘Motel Valkirias’, unha ficción creada por Ghaleb Jaber Martínez que mestura drama, suspense, emoción e humor. Álex Sampayo e Jorge Queiroga son os seus directores, á cabeza dun amplo equipo técnico e interpretativo en que figuran outros coñecidos nomes do audiovisual da ambas as dúas beiras do Miño, como Tomás Alves, Rui Morrison, Jorge Vaz Gomes, Miguel Santiago, Chechu Salgado, Miguel Borines e Miro Magariños, entre outros.

Tres mulleres con problemas económicos e persoais crúzanse de xeito fortuíto cun cliente do Motel Valkirias que transporta unha valiosa mercancía. Así é como Lucía, unha nai separada que foxe do seu home; Eva, unha actriz en declive, e Carolina, a propietaria dun establecemento en bancarrota, se unirán para roubar o botín. Pero o que non saben é que a mercadoría pertence a unha perigosa banda que se dedica a branquear cartos, unha mafia que non dubidará en perseguilas para recuperar o que é seu, custe o que custe.

Esta produción galego-portuguesa comezou este luns a súa filmación na localidade coruñesa de Teo, pero terá tamén localizacións noutros espazos de Galicia e Portugal. Así, ademais da fronteira ourensá co país luso, a serie transitará por lugares das provincias de Ourense e da Coruña, como a cidade termal, Santiago de Compostela e os concellos de Vedra e Teo. Ao outro lado da raia, viaxará ata Montalegre, onde se sitúa o motel protagonista desta ficción e outras localizacións de grande importancia para a trama.

O primeiro día de rodaxe contou coa presenza do director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil; do showrunner da serie, Ghaleb Jaber Martínez, do managing director de SPi, José Amaral; do director de CTV, Xosé Arias; do director da Área de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea, e do director de Contido de RTP1, Jose Fragoso. Ademais da participación da Televisión de Galicia e da Radio e Televisión de Portugal, ‘Motel Valkirias’ conta tamén co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación de Ourense, do Xacobeo 21-22 e da Câmara Municipal de Montalegre.

A posta en marcha de ‘Motel Valkirias’ dá conta da fluidez das relacións entre as industrias audiovisuais galega e portuguesa, que durante os últimos anos se está a reflectir en importantes coproducións, como foi o caso de ‘Auga Seca’, realizada por SPi e Portocabo, que foi a primeira ficción en lingua galega que chegou a HBO; de ‘Vidago Palace’, a primeira serie coproducida pola TVG e a RTP, que tamén se pode ver na mesma plataforma; de ‘Verán M’ e da máis recente ‘Operación Marea Negra’, inspirada na historia real do primeiro narcosubmarino interceptado en Europa en 2019, que chegará á Galega o vindeiro outono. Ademais, ‘Motel Valkirias’ exemplifica a aposta pola distribución internacional das últimas producións participadas pola TVG, que tanto éxito lle reportou con ‘O sabor das margaridas’, tamén da produtora CTV, a través da plataforma Netflix.

Fuente Crtvg.es