As autonómicas póñense mans á obra para axudar o cine, a música e demais artes culturais

0
11

Santiago de Compostela, 04.08.2020.- Desde o inicio da crise provocada pola Covid-19, os medios de comunicación englobados en FORTA traballaron en diferentes iniciativas para apoiar os sectores máis afectados pola crise, como o turismo e a industria audiovisual. Ademais, as televisións autonómicas traballan tamén para apoiar o sector cultural dos seus territorios, que se viu especialmente afectado pola crise a raíz do peche de cines e teatros, así como pola cancelación de festivais e concertos. 

Difusión da cultura

Desde CRTVG desenvólvese un plan de medidas, posto en marcha xa en abril, para apoiar o sector creativo audiovisual, teatral e musical galego afectado pola crise. Ademais, o 30 de xullo anunciouse a participación en sete novos proxectos cinematográficos -dúas longametraxes, unha serie infantil de animación e catro películas documentais- que se suman aos apoios comunicados nas últimas semanas tamén no ámbito do cine e o audiovisual galego. Entre eles, a adquisición de oito documentais de interese xeral, así como da produción audiovisual dunha obra de teatro, ‘Crónicas do paraíso’, e unha versión libre adaptada para televisión da obra ‘Crónicas de Sochantre’, de Álvaro Cunqueiro. E en setembro, os medios públicos galegos emitirán os concertos do ciclo ‘Galicia emerxe’, promovido pola Xunta de Galicia, que adaptarán o seu formato para ser difundidos tamén pola Radio Galega, Youtube e plataformas de música en streaming. Deste modo contribuirase a visibilizar o traballo de artistas e bandas galegas a través de diversas canles audiovisuais. 

Neste sentido, a televisión de Eivisa IB3, pon en marcha un programa especial de divulgación de concertos a través das súas plataformas que se poderá escoitar durante todo o verán en IB3 Radio. E IB3 Televisió é o medio oficial dos festivais de cine: ‘Festival Internacional de Cine de Menorca’ e ‘Atlàntida Film Fest’.  Pola súa parte, À Punt  firmou un acordo co Organismo Autónomo Municipal do Palau da Música, Congresos e Orquestra de Valencia (OAM) para difundir as actividades musicais programadas, como a retransmisión de concertos do Palau da Música de València e o concerto gratuíto da Orquestra de València para conmemorar o Día da Comunitat Valenciana. A canle 33, de TV3, estreou durante o confinamento ‘Concerts confinats’, un espazo que amosaba a música que facían os artistas desde as súas casas e os informativos e  magazines de TV3 e Catalunya Ràdio ofrecen reportaxes e entrevistas con representantes de diferentes ámbitos sociais, económicos ou culturais para falar sobre o seu labor durante o confinamento, a desescalada e como encaran o futuro. 

No seu caso, a Televisión de Castilla-La Mancha CMM lanzou unha campaña baixo o nome ‘Castilla-La Mancha Te Quiero’ apoiando empresas da rexión, e unha das iniciativas da campaña foi o festival musical en redes #CLMteQUIERO, en que participaron solistas, grupos, festivais e salas de concertos de Castela-A Mancha. A Corporación Aragonesa de Radio e Televisión (CARTV) deseñou un plan de acción con medidas como o novo espazo ‘Noche de la cultura aragonesa’, que desde maio apoia o cine, teatro, música e danza, ou a difusión da actualidade da cultura aragonesa en programas informativos, de actualidade ou especializados. Telemadrid apoiará o sector cultural a través da retransmisión dos ‘Veranos de la Villa’, un dos festivais máis destacados do calendario municipal. Entre as propostas cabe destacar a protagonizada pola Compañía Nacional de Danza, encargada de inaugurar os Veráns da Villa 2020.

Pola volta aos cines 

Para recuperar a afluencia de público ás salas e cine, durante a nova normalidade, Canal Sur Radio e Televisión apoia a campaña da Asociación de Empresas de Distribución Audiovisual de Andalucía (AEDAVA) ‘Vuelven los sueños’. 

Novos programas para reflexionar

Radio Televisión Canaria puxo en marcha un programa semanal en prime time, ‘El mundo que viene’, en que se reflexiona sobre a adaptación deste sector á nova normalidade. Tamén estrearon o espazo ‘Canarias es cultura’, para dar difusión ás diversas actividades culturais que se comezan a recuperar. En liña pola reflexión sobre o futuro, EiTB puxo en marcha a campaña ‘¿Nola aterako gara honetatik?’ (‘Como saímos desta?’). Ademais, co programa ‘Boulevard’ de Radio Euskadi dan voz ao panorama cultural, entre outros, mediante entrevistas a representantes e personalidades de distintos ámbitos. 

Os servizos audiovisuais públicos autonómicos seguen traballando para ir un paso máis alá da súa función esencial de informar apoiando a recuperación de sectores tan importantes, coma este da cultura. 

…………………………

Fuente Crtvg.es