As chamadas telefónicas da audiencia cobran importancia nun ‘Luar’ especial, cos sons de Raphael, Gisela e Miguel Bosé

0
14

Santiago, 03.04.2020.-   ‘Luar’ (22.05 h) volve este venres á Televisión de Galicia, fiel á súa cita semanal coa audiencia galega, sen perder de vista o labor de servizo público deste medio de comunicación, pero tamén co cometido de ofrecer entretemento, sempre en consonancia coas recomendacións das autoridades sanitarias. Sobre o escenario, Xosé R. Gayoso presentará esta edición especial, en que os contidos do programa se adaptan ás restricións definidas para afrontar sen riscos a pandemia, na compaña de Patricia F. Santana e Beatriz Serén.

O teléfono do programa (981.81.90.73), sempre aberto á participación dos espectadores, será un ingrediente fundamental no transcurso de ‘Luar’. Por unha parte, convidarase á audiencia a chamar e participar de divertidos xeroglíficos, para que xoguen as familias ao completo, e, pola outra, desenvolverase unha nova edición do concurso telefónico, que este venres ten un bote de 5.500 euros.

Para as propostas musicais da noite, o espazo recuperará actuacións de destacados artistas no programa, como Raphael, Sergio Dalma, Miguel Bosé, Gisela, e un dúo formado por Nando Agüeros e David Bustamante. Ofreceranse, amais, sons da terra, co Coro tradicional Cantares do Brión, da agrupación Armadanzas de Laraño, a orquestra New York, así como unha selección dos mellores duetos de ‘recanteiros’ que se puideron ver esta temporada.

No apartado do humor contarase sobre o escenario coas intervencións de Celso Fernández Sanmartín, Paula Carballeira, Cuqui e o dúo Brandariz e Veiga, que dá vida os personaxes de Lola e Antón.

O musical da Galega fará uso das novas tecnoloxías para contactar por vídeochamada coa parella formada pola nutricionista Adriana Fernández e o cociñeiro Moisés Domínguez, artífices dunha canle en Youtube, para que acheguen consellos sobre unha alimentación sa e axeitada a este período de confinamento. Tamén os artistas Sergio Dalma, Nando Agüeros e Tania Veiras achegarán vídeos con mensaxes agarimosas á audiencia desde as súas casas.

Fuente Crtvg.es