As festas do Albariño e dos Pementos de Arnoia e Herbón, grandes protagonistas do ‘É hora de festa’ esta noite

0
18

Santiago, 10.8.2022.-  O programa ‘É hora de festa’ dará conta este mércores de tres celebracións multitudinarias e de gran tradición en Galicia: as festas do Pemento de Arnoia e de Herbón, e a do Albariño.
 
O programa asistirá, pois, neste percorrido festeiro ao municipio pontevedrés de Cambados, que festexou esta fin de semana pasada a LXX Festa do Albariño (23.50 h). Unha celebración declarada de Interese Turístico Nacional á que asistiron milleiros de veciños e turistas para probar os viños e gozar de todo tipo de actos culturais e folclóricos. Ademais, durante a xornada, realizouse o acto de nomeamento das Damas e Cabaleiros de Honra do albariño deste ano e o programa do domingo 7 de agosto, o último día da festa, incluíu o concerto da Banda de Música de Castrelo na praza de Fefiñáns e a actuación do grupo M5, que puxo o broche final a esta festa.  

‘É hora de festa’ mudará de provincia para asistir no concello ourensán da Arnoia á exaltación do pemento (19.50 horas) na súa XLIII edición. Ás 9 da noite comezou a venda de tíckets para as distintas preparacións dos pementos. Arredor de 10.000 persoas asistiron a esta cita gastronómica para degustar tres mil quilos de pementos preparados de diferentes formas polos membros da comisión. Ademais da tradicional degustación na carballeira da Queixeira, o programa incluíu as actuacións do grupo Broken Peach e a orquestra Combo Dominicano, que amenizaron coa súa música a xornada festiva.

O pemento seguirá sendo protagonista do ‘É hora de festa’ este mércores, xa que acudiu en Padrón á súa Festa do Pemento de Herbón (23.15 h). A xornada festiva comezou cunha misa campestre na carballeira do convento franciscano de San Antonio (Herbón) e coa bendición dos tractores, que despois realizaron unha procesión agrícola motorizada ata o centro da vila para facer unha ofrenda floral á estatua da ‘Pementeira’. Xa de volta no campo da festa comezou a degustación dos afamados pementos de Herbón á que asistiron milleiros de persoas que quixeron gozar un ano máis deste popular evento.

Fuente Crtvg.es