As mellores imitacións da historia, esta noite, na Televisión de Galicia

0
6

Santiago, 18.08.2020.-   Os amantes das parodias e do mellor humor feito en Galicia teñen esta noite unha cita ineludible na TVG con ‘Os máis imitados da historia’ (22.00 h). Un especial que, ao longo de dúas horas, ofrecerá decenas de sketchs para rirnos do mundo e tamén de nós mesmos. Os espectadores escacharán coa risa coas imitacións de famosos, algúns deles excéntricos e peculiares e outros moi de moda, caricaturizaranse programas de televisión e recrearanse actuacións musicais, sempre do xeito máis divertido.

‘Os máis imitados da historia’ traerá momentos únicos con personaxes da altura e proxección do Rei Emérito e Fernando Simón, artísticos con Isabel Pantoja e o Jocker, ou a rostros televisivos moi recoñecidos polos espectadores, como Carlos Sobera, Matías Prats e Mariló Montero. Todos eles moi inspiradores para Roberto Vilar, Xosé Antón Touriñán, David Perdomo, Víctor Fábregas e Eva Iglesias, entre outros destacados humoristas galegos, que realizarán as mellores imitacións esta noite na Galega.   

As parodias de programas de televisión terán, amais, certas doses de surrealismo absurdo e de transgresión. A risa será o motor e o ingrediente principal deste especial, que achegará sketchs sobre o ‘Galicia Noticias’, ‘Luar’, ‘Saber e gañar’, ‘Queres ser millonario’ ou ‘Muller, homes e fama diversa’. As imitacións de artistas, a través das actuacións musicais, propiciarán tamén momentos do máis divertido, porque nisto de tomar as cousas con humor, non hai que lles gañe aos galegos.

Fuente Crtvg.es