As ‘Ondas indies’ de Radio Galega Música celebran os seus 100 programas

0
28

Santiago, 09.02.2022.- O espazo de música independente de Radio Galega Música, ‘Ondas indies’ (22:00 h), celebra este xoves 100 programas sendo altofalante dos grupos máis sobresaíntes, sobre todo galegos, de estilo indie pop.

Polos micros de ‘Ondas indies’ achegáronse ata agora tanto os produtos máis actuais como xoias que quedaron no esquecemento, amais de entrevistas con 75 artistas, que esmiuzaron os seus discos e avanzaron os seus proxectos para os oíntes da emisora pública. Na edición única deste xoves, ‘Ondas indies’ estreará a súa nova sintonía, unha canción composta expresamente para o programa por Eladio Santos, que leva por título ‘Que é iso do indie’. Amais, contará como convidado especial co coruñés Xoel López, un dos artistas máis representativos da escena independente actual.

Tamén ofrecerase en exclusiva varios adiantos de discos de artistas galegos, como o novo de Berto con Mariña Paz, ‘O teu mandil’, e a estrea do primeiro corte de ‘Ven a verte’, o segundo traballo discográfico de Blanco Palamera, e publicarase unha lista en Spotify con todas as cancións emitidas nas despedidas de cada emisión, que sempre son dedicadas a un músico, un disco ou un acontecemento musical a modo de efeméride.

O xornalista Víctor López, director e presentador de ‘Ondas indies’, realiza cada edición na compaña de coñecidos nomes do panorama musical, como é o vigués Eladio Santos (Eladio y los seres queridos), á fronte da sección ‘Cazatesouros’; Marcos Vázquez, outro membro dos ‘Seres queridos’, produce e fai ‘U-lo indie?’; o produtor musical Paco Lamilla, o apartado ‘Caixón de xastre’, e a artista ARi Magritte, o ‘Disco da semana’.

O universo de ‘Ondas indies’ viaxa semanalmente pola música indie pop que se fai no mundo e, en especial, en Galicia, desde 2019. As novidades, concertos, festivais, entrevistas, as peticións dos oíntes e mesmo as propostas das salas de concertos galegas, teñen cabida neste programa que intenta abranguer todas as melodías independentes e, sobre todo, as feitas por galegos e no noso idioma.

Fuente Crtvg.es