As radiotelevisións de FORTA avanzan en materia de igualdade de xénero

0
12

Santiago, 27.08.2021.- As radiotelevisións públicas autonómicas englobadas na FORTA avanzan na posta en marcha de medidas para lograr a igualdade nos seus cadros de persoal. Protocolos de prevención, detección e actuación fronte a posibles situacións de acoso, servizos de asesoramento ou conciliación laboral son algunhas das  medidas nas que traballan os medios públicos. 

Nesta liña, a CRTVG recibiu por segunda vez consecutiva a acreditación ‘Empresa Igual en Xénero 2020’, distinción alcanzada só polo 6 % das empresas de Galicia. Esta distinción recoñece as empresas con altos valores de igualdade en tres dimensións: igualdade de funcións, igualdade de retribucións e igualdade por actuacións. 

Os servizos públicos autonómicos contan con diferentes ferramentas para a consecución da paridade de xénero, e cada corporación audiovisual conta coa súa propia comisión. Neste sentido, existen unha serie de medidas, comúns e fundamentais para as radiotelevisións, como conseguir a igualdade de xénero e de salario nos seus cadros de persoal, a igualdade de oportunidades, conseguir a mellor conciliación laboral e ofrecer flexibilidade horaria. A loita contra calquera situación de acoso sexual, por razón de xénero, orientación sexual ou expresión de xénero na contorna laboral, ten que ser constante a través da prevención e a protección, así como o son as campañas contra a violencia de xénero. Ademais, os medios públicos contan cun gabinete ou comité ao que trasladar as inquedanzas ou demandas que así o requiran. 

Algunhas das medidas máis importantes que se atopan na axenda das radiotelevisións públicas autonómicas son a realización de cursos ao persoal, impartidos por especialistas en materia de igualdade tanto aos propios empregados como a produtoras coas que traballan, ou as colaboracións con asociacións ou institucións para levar a cabo accións conxuntas que axuden a conseguir unha igualdade real. 

Ademais, a FORTA adheriuse o pasado ano ao manifesto pola igualdade #DóndeEstánEllas do Parlamento Europeo en España. A iniciativa, nada en 2018, ten como obxectivo visibilizar a presenza de mulleres no espazo público. 

Fuente Crtvg.es