As voces inconfundibles de Mercedes Peón e Sito Sedes e o novo disco de Azúcar Moreno, este venres en ‘Luar’

0
3

Santiago, 12.06.2020.-  A forza interpretativa e artística de Mercedes Péon encherá esta noite o escenario de ‘Luar’ (22.00 h), con Xosé Ramón Gayoso e Patricia F. Santana á fronte do programa. A tamén presentadora, Beatriz Serén, conectará no transcurso do espazo, en directo, desde Monforte.

Da musicalidade única da artista de Oza-Cesuras ás propostas dun dúo de mulleres tamén de éxito, as Azúcar Moreno, que presentarán este venres os primeiros sinxelos do seu novo disco ‘El secreto’, cos que farán bailar de novo a toda a audiencia.

‘Luar’ recibirá tamén nesta edición unha das lendas da canción en Galicia, o gran Sito Sedes, que tras volver ao panorama musical o ano pasado co disco ‘Siboney’, trae agora ‘Contigo aprendí’, un dos grandes boleros de todos os tempos interpretado coa súa voz inconfundible. Se Sito Sedes destacou durante anos en Los Satélites, este venres tamén se poderá escoitar a Manolito Cibreiro, outro dos grandes vocalistas de orquestra desde os anos 70.

Germán Díaz, músico valisoletano afincado en Galicia e considerado o ‘Jimi Hendrix da zanfona’, tocará a canción ‘Os sete ananiños’, creada con letra da contacontos galega Paula Carballeira e incluída no disco solidario ‘Nube de nanas para Aspace’. Por último, a asociación folclórica A Regionalista, de Teo, traerá unha boa mostra do noso folclore.

A maiores, os seguidores do programa poderán gozar cunha nova edición do certame de talentos da canción ‘Recantos’, en que competirán Velusa, en representación do norte de Portugal, e Patri da Silva, da Mariña, e do concurso telefónico que esta noite parte cun bote de 2.000 euros.

O humor do dúo Brandariz e Veiga e do monologuista Cuqui porán o ramo as actuacións artísticas que propón ‘Luar’ para este venres.

Fuente Crtvg.es