Balonmán, baloncesto e fútbol, protagonistas esta fin de semana na programación deportiva da Radio Galega

0
9

Santiago, 23.01.2020.- O ‘Galicia en Goles’ comeza o venres ás 20:30 horas na Radio Galega coa retransmisión das ligas de balonmán e baloncesto. O partido destacado estará no Municipal do Porriño, onde o equipo local recibe ao Xixón na Liga feminina. Ademais volve a Asobal, co Cangas visitando ao Granollers. No baloncesto, o programa estará pendente do Breogán en Alacant e do Ourense, en Palencia.

O sábado, desde as 15:00 h, a atención estará posta no Ourense CF-Polvorín, de Terceira; na división de honor xuvenil co derbi Celta-Ural e o Calasanz-Oviedo B; e no fútbol feminino co Friol-Atlético de Madrid B e o Interrías-Sporting B. A gala do campo a través en Narón e o Parrulo B-Coruxo Vigo de fútbol sala completan a oferta do día.

A emoción da fin de semana vivirase durante todo o domingo. Pola mañá, desde as 11:45 horas, o Alcorcón-Deportivo centrará o protagonismo, xunto aos catro encontros dos equipos galegos na Segunda B e o Baskonia-Obradoiro de ACB. A partir das 14:45 h, o Celta-Sevilla e o Lugo-Elxe serán os pratos fortes da tarde, con seguimento ademais á Terceira Galega.

Cando remate a xornada chegará o tempo de opinión. Ás 20:30 horas, o ‘Faladoiro’ de ‘Galicia en Goles’ convida a adestradores e xornalistas, mentres ás 23:00 h, o espazo nocturno ‘Ao Contraataque’ inicia semana coa mesa de debate. As dúas emisións poden verse a través da web radiogalega.gal no Mira RG.

Ademais do ‘Galicia en Goles’, a Radio Galega ofrece outros espazos deportivos durante o sábado. Ás 13:00 h, Alfonso Pardo chega a Narón co ‘Convivir Deportivo’ para dar voz ao Clube Acordes, de ximnasia rítmica e estética. Ás 23:00 horas, Rodrigo Pérez centrará ‘Gas a fondo’ na gala do automobilismo que se desenvolve no Porriño. E ás 23:30 h, Toni López conversa con Tariku Novales, Belén Toimil e Arlet Ortiz no ‘Galicia en Toquio’.

Fuente Crtvg.es