Budiño, protagonista na G2 dun novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’

0
2

Santiago, 05.05.2021.- Xosé Manuel Budiño, un dos artistas, compositores, gaiteiros e intérpretes máis innovadores da escena folk galega, é o protagonista dun novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’, que ofrece esta noite a G2 ás 23.25 horas.

Neste novo recital do ‘Galicia Emerxe’, Budiño ofrecerá os temas que inclúe no seu último traballo discográfico, ‘Fulgor’. Despois de oito anos de silencio, Budiño publicou antes da pandemia o seu oitavo disco, composto por 10 cancións orixinais, producidas e cantadas por el mesmo. Para este álbum, o artista moañés contou con grandes letras de poetas, como as da estradense Antía Otero, e de destacados compositores, como o coruñés Xoel López e a cantautora Vega; cos sons dos guitarristas Antonio Casado, Jairo Zavala e Luiz Caracol, e coa participación do Cuarteto Quiroga.

Budiño ten unha longa e recoñecida traxectoria no mundo da música, que comezou na escola de gaitas Semente Nova de Moaña a principios dos oitenta. Despois participou na banda de gaitas Xarabal e, en 1991, fundou o grupo Fol de Nui. A partir de aí, toca con bandas como Altan (Irlanda), Capercaille (Escocia) ou Oskorri (Euskadi) e con artistas como Kepa Junkera, Uxía ou Mercedes Peón, entre outros moitos.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

No ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, contarase nas vindeiras semanas coa música de Rodrigo Romaní, Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas, entre outros.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’ no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es