Celta-Athletic de Bilbao e San Fernando-Deportivo son os partidos destacados do domingo no ‘Galicia en Goles’ da Radio Galega

0
9

Santiago, 26.01.2022.- Esta fin de semana os partidos máis importantes do calendario galego chegarán na tarde do domingo. Antes, ‘Galicia en Goles’ ten preparados amplos espazos de retransmisións, coa primeira na noite do venres. O Basquet Coruña afronta unha nova xornada na LEB Ouro de baloncesto e desta volta recibe no palacio dos deportes de Riazor ao Juaristi. O programa comezará ás 20:30 h e prolongarase ata a medianoite, para analizar todo o calendario dos equipos galegos nas principais competicións.

O sábado haberá programa dobre. A partir das 23:45 h, a Radio Galega contará desde o pavillón Vista Alegre a primeira semifinal da Supercopa de fútbol sala feminino, que enfronta o Burela co Navalcarnero. Desde as 15:00 h, o interese pasará polo fútbol das categorías RFEF. O Racing de Ferrol recibe na Malata ao Ceuta, na Primeira. Mentres, na Segunda, o Lugo B recibe ao Palencia e o Ourense C. F. ao Marino. O baloncesto tamén estará presente desde o Pazo de Lugo co Breogán-Granada, da Liga ACB.

Xa o domingo, a edición matinal principia ás 11:45 h co Córdoba-Celta B, da Primeira RFEF, e co Coruxo-Avilés, da Segunda. Ás 15:00 h, a atención estará posta no San Fernando Isleño-Deportivo da Coruña, desde o campo Iberoamericano 2010. Ao remate chegará o Celta-Athletic de Bilbao, desde Balaídos, que os espectadores de ‘Gol Play’ poderán ver escoitando a narración de ‘Galicia en Goles’, picando na canle de audio reservada á Radio Galega. O Albacete-Lugo, de Segunda Profesional, e o Pontevedra-Castilla, da Primeira RFEF, completan a oferta futbolística. Os afeccionados ao baloncesto poderán escoitar de xeito íntegro, a partir das 18:30 h, o encontro da Liga ACB entre o Gran Canaria e o Obradoiro. A emisión chegará a través das plataformas radiogalega.gal e G24.gal/deportes. Como cada domingo, ás 23:00 h e cando remate a xornada, os especialistas de ‘Ao contraataque’ pasarán consulta para analizar os resultados dos equipos galegos.

Durante esta fin de semana, o proxecto #GaliciaEnXogo chegará o sábado ás 15:15 h co espazo dedicado aos xogos electrónicos; ás 23:00 h, coa información do motor; e ás 23:30 h, coa información dos galegos que preparan os Xogos de París 2024.

Fuente Crtvg.es