Chega esta noite o emocionante final de ‘Saudade de ti’, a serie do verán, en que, dunha vez por todas, Raúl terá que decidirse entre Mónica e Celia

0
83

Santiago, 12.09.2022.-    Convertida na serie de éxito do verán, a primeira temporada de ‘Saudade de ti’ encara o seu último tramo con moitos misterios por resolver. Nunha longa sesión, que comezará ás 22.40 h, os espectadores da TVG asistirán esta noite ao emocionante desenlace desta ficción.

Así, verán como Porto de Abrente amence cunha pintada na fachada chamándolle asasino a Gaspar. Os López de Castro están que botan lume e pretenden que o culpable pague polos seus actos. Pero Brais ten moi claro de quen se trata.

Pola súa parte, Celia e Raúl atópanse cun inconveniente na súa investigación: necesitan unha analítica de Gaspar que probe que estaba ebrio a noite do accidente. O único que a pode conseguir é Santi, así que van ter que pedirlle ese favor. A doutora e o enfermeiro revisan as analíticas de Gaspar, pero hai algo que non lles cadra. Ao home acumúlanselle as desgrazas, pois se non lle chegase coa ameaza do xuízo e coas chantaxes de Iago, tamén se vai ter que enfrontar á ira de Isidro.

Noa ten moi claro que, como Lucho non deixe as malas compañías, vai ter que tomar medidas drásticas. A moza atópase contra as cordas e a culpa de todo tena Brais. O seu amor non é cousa fácil, pero Noa xa tomou unha decisión.

Mentres, Mónica sofre unha gran crise no seu embarazo. O bebé está en perigo e Raúl parece disposto a permanecer ao lado da súa familia pase o que pase. Mónica e Adela non poden deixar pasar semellante ocasión para tratar de apartalo definitivamente de Celia. Non dubidan en usar todas as armas ao seu alcance, pero Celia non se vai deixar pisar. Raúl, como peixe entre dous gatos, terá que escoller dunha vez por todas.

Finalmente, Santi e Celia descobren o engano de Iago e están a un paso de destapar todo o enredo. Se o conseguen, terían probas suficientes para enviar o patriarca dos López de Castro á cadea. Non lles resultará doado alcanzar o seu obxectivo porque saben que Gaspar é un home moi poderoso.

Fuente Crtvg.es