‘Clac’ estrea este venres ‘A praia dos afogados’, apaixonante película de intriga ambientada nas Rías Baixas

0
11

Santiago, 25.06.2021.-  O thriller ‘A praia dos afogados’ é a longametraxe protagonista desta edición de ‘Clac’ (22.55 h), que presenta e dirixe a xornalista Tania Fernández Lombao na G2. O espazo de cinema ofrecerá este venres un novo coloquio sobre esta película galega, para o que contará coa participación do autor da novela homónima de éxito, Domingo Villar, e do actor Celso Bugallo. Tras afondar nos aspectos máis salientables desta cinta intrigante, que mergulla os espectadores na paisaxe das Rías Baixas e que encabeza na ficción o inspector Leo Caldas, darase paso a proxección do filme.

Durante esta conversa, Domingo Villar achegará numerosos datos sobre a maneira en que escribe as aventuras de Leo Caldas e, sobre todo, desvelará como afecta a parte máis persoal ao personaxe. Ademais, dá algúns apuntamentos sobre a adaptación dos libros ao cine. Celso Bugallo, pola súa banda, explicará como un papel secundario pode ter relevancia na historia e reflexionará sobre a presenza de actores de maior idade no panorama cinematográfico.

Esta adaptación cinematográfica da segunda novela de Domingo Villar, participada pola Televisión de Galicia, baixo a dirección de Gerardo Herrero, parte dun descubrimento estarrecedor: o cadáver dun mariñeiro arrastrado pola marea ata unha praia de Panxón. Se non tivese as mans atadas, Justo Castelo sería outro dos fillos do mar que atopou a súa tumba entre as augas mentres pescaba. Sen testemuñas nin rastro da embarcación, o inspector Leo Caldas mergúllase no ambiente mariñeiro da vila para esclarecer o crime, pero os veciños resístense a desvelar as súas sospeitas.

Carmelo Gómez encabeza o elenco desta película, producida por Milou Films-Tornasol en 2014, ao carón de Antonio Garrido, Tamar Novas, Celso Bugallo, Celia Freijeiro, Marta Larralde, Luís Zahera, Carlos Blanco, Fernando Morán, Ernesto Chao, Pedro Alonso, Rei Chao, Celso Parada, Belén Constenla, Fran Peleteiro e Lucía Regueiro.

Ademais do coloquio e a proxección da película, o espazo incluirá unha sección con información da actualidade cinematográfica e da carteleira.  

Fuente Crtvg.es