‘Clac’, o novo programa de cinema da TVG para a noite dos venres

0
13

Santiago, 17.05.2021.-  O cinema galego será o protagonista de ‘Clac’, o novo espazo que a Galega vai estrear o 21 de maio, e cuxo lanzamento pon o ramo á programación especial con motivo das Letras Galegas, que leva ofrecendo a canle pública durante este mes.

‘Clac’ emitirase na G2 cada venres ás 23:00 horas e estará presentado e dirixido pola xornalista Tania Fernández Lombao. Realizado no estudio 5 de San Marcos, ‘Clac’ contará, amais, coa colaboración do experto en cinema e compañeiro dos medios públicos galegos Eduardo Galán. En cada edición desenvolverase un coloquio con membros do equipo da película seleccionada, duns 30 minutos, e despois da conversa emitirase a película.

Na súa estrea, ‘Clac’ estará dedicado a adaptación cinematográfica da obra máis emblemática de Eduardo Blanco Amor, ‘A Esmorga’. Para achegarse as reviravoltas desta produción de éxito, conversarán no programa o director da cinta, Ignacio Vilar, e a actriz Sabela Arán, que formou parte do elenco principal. ‘A Esmorga’ conta as traxicómicas peripecias do Cibrán, o Milhomes e o Bocas, interpretados por Miguel de Lira, Karra Elejalde e Antonio Durán ‘Morris’, nunha noite de bebedela polos arredores de Auria, a cidade literaria coa que Blanco Amor reelaborou desde a distancia do exilio o seu Ourense natal.

‘Clac’ irá combinando, nas sucesivas entregas, estreas cinematográficas con longametraxes galegas xa ofrecidas pola TVG. Con esta nova proposta, a Galega busca achegar os profesionais do cinema á audiencia, para permitirlles explicar os seus traballos, as súas pretensións e ofrecer un contexto sobre as películas que se proxectan, así como amosar o lado máis humano do cine.    

Ademais do coloquio e a proxección da película, o espazo incluirá unha sección con información da actualidade cinematográfica e da carteleira.  

Fuente Crtvg.es